Pontevedra exalta o sinxelo e icónico Caldo de Gloria de Rosalía de Castro

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Meu e Teu foi o primeiro restaurante da cidade do Lérez en sumarse a esta iniciativa

22 feb 2024 . Actualizado ás 14:16 h.

«Máis contenta que unhas páscoas / volvín a porta a pechar / e na miña horta pequena / unhas coles fun catar. / Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar / e ca fariñiña munda / xa tiña para cear». Esta é a sinxela receita que Rosalía de Castro deixou no seu poema Miña casiña, meu lar do que, hoxe en día, se coñece como Caldo de Gloria. A súa degustación en distintos puntos de contorna de Pontevedra, xa sexa impulsada por concellos, caso do de Poio no Casal de Ferreirós, como por restaurantes, será un dos pratos fortes das celebracións este venres do Día de Rosalía que impulsa a Fundación Rosalía de Castro.

Entre estes últimos, o Meu e Teu, un dos poucos establecementos de hostalería de Pontevedra que se sumaron a esta iniciativa. «Hai uns tres anos, paréceme, miramos a iniciativa e apuntámonos. Eramos os únicos de Pontevedra porque era unha cousa máis limitada á contorna de Padrón e Santiago, pero como nós facemos cociña tradicional e pratos de culler pois decidimos apuntarnos. E tamén para celebrar a Rosalía», explica Pedro Ribas Álvarez, quen, xunto a Alberto Gómez Arias, dirixe este negocio da Praza Oito de Marzo.

Ramón Leiro

Aclara que o Caldo de Gloria descrito no poema por Rosalía de Castro «é bastante sinxelo. Di que o que lle reconforta chegando a casa é collendo nunha pota uns greliños, un pouco de unto, un pouco de fariña... Nós facémolo un pouco máis completo», remarca Pedro Ribas, ao tempo que apunta que, nesta ocasión, elaborarán tamén os bolos do pote aos que fai referencia o poema Miña casiña, meu lar. «Era o que se botaba antes ao caldo cando non había patacas nin carne polo que se facían estes bolos de fariña para encher o bandullo. Agora, curiosamente, é unha exquisitez», incide precisando que «facemos caldo todos os mércores» ao longo de todo o ano.

Tirando da experiencia de edicións anteriores, Ribas Álvarez recoñece que o Caldo de Gloria «si que ten aceptación. Á xente gústalle que fagas este tipo de cousas», de tal xeito que quen queira degustalo só que ten achegarse ao Meu e Teu para probalo ou, incluso, reservalo para levalo para a casa a un prezo de 8 euros a ración.

Outras celebracións

Outro dos puntos da contorna onde poder degustar esta elaboración será no Casal de Ferreirós de Poio. Este venres, a partires das 12 horas, desenvolverase a lectura colectiva de Miña casiña, meu lar para, a continuación, distribuír entre os participantes unha cunca deste caldo xunto cunha pequena escolma da obra da escritora compostelá. E como remate, un gaiteiro da agrupación Vides Novas tocará a alborada de Rosalía.

Ramón Leiro

En Bueu, pola súa banda, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá, dende as 17.30 horas, un contacontos a cargo Trémola Teatro, A miña historia, que recrea a unha xornalista saída do século XIX que sabe todo sobre Rosalía de Castro. Media hora máis tarde arrancará na Biblioteca Pública Vidal Pazos de Marín o espectáculo Cancións para nen@s con Luis Vallecillo.

Tamén o Concello de Pontevedra se suma aos actos de quen definen como un «símbolo do país, Rosalía continúa a ser un icona pop dentro do século XXI, a artista máis internacional e referenciada dentro da cultura galega, o que permite albiscar a importancia da súa figura e a necesidade de continuar a reivindicación da mesma». Deste xeito, o centro social do Gorgullón programou unha lectura de textos de Cantares gallegos e Follas novas aberta a toda a cidadanía e na que se poderá participar de xeito directo dirixindo un correo electrónico a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu indicando o nome completo da persoa que vai ler, se representa algún colectivo ou asociación, e o texto escollido.

Este acto será conducido por Míriam Ferradáns, que tamén lerá o manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. (AELG), mentres que o colectivo artístico O Fruto e a serpe encargarase da ambientación.