O primeiro mohicano do CLB

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

Isidoro Canabal formou parte do primeiro equipo infantil do BBC fai preto de corenta anos e agora é o presidente da entidade vilagarciá

22 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A mediados dos anos oitenta, cos baby boomers chegando ou atravesando a adolescencia, non había moitos problemas para que os clubs deportivos tivesen rapazada dabondo para facer os seus equipos e había entidades por todas as partes. Ou se fundaban. Así sucedeu co Basquet Basee Club (BBC), que comezou en 1985 cun equipo infantil e outro cadete e adestrando e xogando nunha das naves do antigo recinto de Fexdega, onde agora se sitúa o parque Miguel Hernández. Nou había duchas, pero si escobas para que os xogadores limpasen a pista, e un polvillo laranxa que se pegaba nas mans e nos balóns

Naquel primigenio BBC desembarcou Isidoro Canabal (Vilagarcía, 1972) procedente do Casino, onde ese ano non ían facer equipo infantil. Alí estaba tamén Manolo Vázquez, un dos directivos fundadores da entidade. Isidoro e Manolo seguen no club catro décadas despois. O primeiro, que empezou como á-pivote, hoxe é o presidente; Manolo, que foi presidente moitos anos, aínda se mantén como directivo.

O crecemento do club

Isidoro viviu desde dentro da pista o crecemento do club: as eliminatorias para disputar unha Liga Galega que sempre se lle resistiu á súa xeración, a creación do primeiro equipo sénior ou os diferentes ascensos ata plantarse nunha Liga EBA que entón era a terceira categoría do baloncesto estatal e que se expuxo como unha categoría de formación. Cada equipo só podía ter catro xogadores maiores de 22 anos. No que entón era o Inelga BBC, el foi un deles. «Eramos Scott Smith, Andrés Cadahía, Benjamín Estévez e eu. Ese ano non acabei a tempada porque ficharon a un tipo de Andalucía para que xogase a fase de permanencia e tiveron que darme a min a baixa», lembra Isi. Ao ano seguinte xa non contaron con el no primeiro equipo, pero iso non implicou que se apartase do club porque lle ofreceron levar a preparación física. Aínda volvería ás pistas cando o Liceo e o BBC selaron o seu primeiro pacto de colaboración, o que anos máis tarde desembocaría nunha fusión na que tamén participaría o Cortegada para crear o que hoxe é o CLB.

Isidoro forma parte da primeira promoción en Galicia da especialidade de Educación Física en Maxisterio. Comezou a traballar nas escolas deportivas municipais a través da Federación Arousá de Baloncesto e logo chegou o seu primeiro contrato na Fundación de Deportes. Despois, un par de anos na unidade de día do SPAD, que tiña dúas horas de deporte pola mañá, e aí chegou a chamada de Con Eles. Compaxinou uns meses ambos os traballos e logo xa foi contratado de forma indefinida pola asociación.

Chegou logo o capítulo dos despachos. «Cando o proxecto de EBA desapareceu, chamei a Álvaro Monteaguado, que era o presidente entón, para ofrecerme se o que tiñan pensado era facer un proxecto de canteira», apunta Isi. E así foi. Entrou na directiva e no 2013 asumiu a presidencia co reto de pór en marcha a fusión co Liceo. Un ano máis tarde, no verán do 2014, chegaría a gran fusión do baloncesto vilagarcián, coa incorporación do Cortegada ao proxecto.

Corenta anos nos que o baloncesto cambiou moitísimo á hora de preparar aos equipos das categorías inferiores. «Cambiou completamente. Agora hai unha estrutura profesional, cunha dirección deportiva e unha planificación para todos os equipos. Non ten nada que ver», apunta Canabal.

E esa volta ás orixes está a piques de pechar un segundo círculo. Tal e como sucedeu cando el era xogador, o equipo sénior masculino do Sigaltec CLB —integrado exclusivamente por xogadores saídos da canteira, como ocorre co sénior feminino que está en Liga Nacional— está moi preto de conseguir o ascenso á Liga EBA. Xa tivo un par de tiros ao pau, pero nesta tempada parece que pode ser. «Oxalá nos metan o susto», chancea Isidoro, que cre que economicamente si que se podería asumir ese ascenso se chega na pista. «Creo que se nos meten nese aperto volveriámonos/volveriámosnos tolos por conseguir o diñeiro. Non botamos números, pero polo que nos din non é moitísimo máis cara esta EBA. Non é como aquel salto de antes», afirma o presidente.