Juan José Jiménez, comisario: «188 [policías] foron asasinados o terrorismo por defender os dereitos e liberdades»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A Policía Nacional conmemorou baixo a choiva o seu douscentos aniversario

14 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

«É unha cidade segura. Podemos dicir que Pontevedra é unha cidade segura». Con estas palabras o comisario Juan José Díaz Jiménez destacou o feito de que na Boa Vila «estamos por baixo da media nacional e da media de Galicia en índice de criminalidade». O máximo responsable provincial da Policía Nacional realizou está valoración tras o acto celebrado ás portas da Subdelegación do Goberno para conmemorar o douscentos aniversario da creación deste corpo, «un dos máis antigos do mundo».

ADRIÁN BAÚLDE

A preguntas dos medios de comunicación, sinalou que «non considero que haxa falta de efectivos» aludindo ao feito de que «en ningún persoal o catálogo está cuberto ao 100 %». Neste punto, remarcou que en Pontevedra o índice de ocupación do catálogo «é perfectamente asumible e é o que necesitamos para facer o traballo que facemos. De feito, os resultados próbano así. É un traballo ben feito con moi bos resultados», engadiu.

ADRIÁN BAÚLDE

Juan José Jiménez, así mesmo, precisou que os retos de futuro pasan por «seguir loitando contra o crime organizado, loitando co contra o tráfico de drogas, loitando contra a violencia de xénero, delitos de odio... Loitando contra todo o catálogo de delitos de Código Penal, pero centrado nesas catro cosas».

Previamente, e tras o izado da bandeira española baixo unha persistente choiva, o comisario dirixiuse aos asistentes para remarcar que a Policía Nacional é «unha institución sólida, útil e fiable» que, ao longo dos dous últimos séculos, contribuíu «de xeito decisivo á seguridade de España». De igual modo, non obviou o prezo que pagaron para velar polo mandato constitucional: «Custou moito. Centenares de policías nacionais perderon a vida mentres desenvolvían os seus labores. 188 foron asasinados o terrorismo por defender os dereitos e liberdades».

ADRIÁN BAÚLDE

E todo iso nun «escenario difícil (...), de tempos vertixinosos, cheos de urxencias, con tensións xeopolíticas, en constante evolución tecnolóxica, cunha actividade delincuencial que non deixa de reinventarse e que aproveita para si todas as vantaxes dun mundo globalizado».

Economía e seguridade

O acto foi presidido por Abel Losada no que foi o seu primeiro acto oficial como subdelegado do Goberno en Pontevedra. Tras remarcar que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil «son alicerces fundamentais no que é a arquitectura democrática e constitucional de España», tirou de deformación profesional —é profesor na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais— para incidir «no valor económico que significa a seguridade como un elemento de competitividade dos territorios do conxunto do Estado, de Galicia e, neste caso, de Pontevedra». «A seguridade dos estados nun elemento fundamental á hora de priorizar as condicións para investir e crear riqueza e emprego», subliñou na súa intervención pública.

ADRIÁN BAÚLDE

O acto conmemorativo dos douscentos anos da Policía Nacional concluíu cunha homenaxe aos caídos e a interpretación do himno do corpo. «¡Viva os policías de Cataluña! ¡Viva os policías do País Vasco! ¡Viva España unida!», puxo o broche un espontáneo.