Eles non volven a casa por Nadal, eles celebran ter casa en Nadal

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Vecinos del único edificio de la calle Bouza do Rei de San Antoniño, en el municipio pontevedrés de Barro, celebrando la Navidad junto a los adornos que colocaron, hechos por los niños del inmueble.
Veciños do único edificio da rúa Bouza do Rei de San Antoniño, no municipio pontevedrés de Barro, celebrando o Nadal xunto aos adornos que colocaron, feitos polos nenos do inmoble. Cedida

Veciños de Barro que se viron na rúa porque o seu edificio se poxou sen que eles se decatasen celebran como loitaron contra a Sareb e o final relativamente feliz da súa historia

09 dic 2023 . Actualizado ás 14:08 h.

Fai un pouco menos dun ano, en xaneiro do 2023, un grupo de veciños de San Antoniño, no municipio pontevedrés de Barro, lanzaba un berro de auxilio. Diante do seu portal, do único edificio da rúa Bouza do Rei, explicaban que estaban vivindo unha situación desesperada. Facía dous anos que se decataron de algo insólito: o edificio no que estaban como inquilinos fora poxado sen que eles se decatasen —algo anómalo, porque se supón que terían dereito a unha compra preferente—. O inmoble pasara a mans do banco malo, é dicir, da Sareb, e empezáronlles a chegar ordes de desaloxo que naquel momento trataban de parar. Ninguén parecía escoitar a súa desesperada voz. A Sareb, literalmente, nin lles contestaba. Ante a Xustiza non deixaban de perder batallas. E víanse sos. Pasou un ano e a súa historia tivo un final relativamente feliz, xa que houbo moito sufrimento polo medio e moitos inquilinos marcháronse. Pero os que están, os que resistiron e os que eran propietarios e que lles auxiliaron, queren celebralo. Así que puxeron luces e compartiron unha chocolatada porque foi a súa loita e o reflexo da mesmo nos medios de comunicación a que lles salvou. Eles non son como o mítico anuncio do turrón, no que se volve a casa por Nadal . Eles celebran que teñen unha casa ou un local no que estar en Nadal.

Carla Carballo foi unha das veciñas que emprendeu a loita contra a Sareb. Ela non vive en Bouza do Rei, pero aí tiña o seu local comercial, unha tenda de produtos agrícolas. A voz crébaselle cando lembra todo o que lles pasou no ano 2023, pero indica: «De todo o malo sempre sae algo bo, porque nos vimos na rúa, desafiuzados completamente e finalmente non foi así. E o mellor de todo é que loitamos xuntos e iso uniunos moitísimo. Non só nos reunimos para pór os adornos, senón que o día 23 imos facer unha comida de confraternidade. Esta loita gañámola xuntos e grazas ao apoio dos medios de comunicación». 

A negociación, aínda en marcha

Esta muller explica que tanto ela como outro dos inquilinos, que ten unha clínica dental no edificio, chegaron a acordos coa Sareb tras moita negociación e adquiriron os seus inmobles. Fixérono no mes de xullo. Hai unha terceira propietaria que si resude no edificio e que aínda está en negociación coa Sareb para comprar o que é o seu fogar.

A historia, xa que logo, tivo un final relativamente feliz por mor de que a desesperación veciñal saltou aos medios de comunicación e a Sareb entón si moveu ficha e accedeu a reunirse con eles. Pero aos veciños séguelles doendo que as cousas se fixesen así, que tivesen que mendigar que lles escoitasen e que polo camiño se acabasen marchando algúns dos inquilinos das vivendas. Indican que é unha pena que haxa tan poucos inmobles ocupados, xa que actualmente están baleiros nove pisos e de momento non saíron á venda. Sinalan eles que ese é un problema engadido para os veciños: «Agora todos somos propietarios e cando hai derramas ou gastos da comunidade a Sareb paga cando paga. Dá moita pena que estean baleiras esas vivendas», afirman con una sola voz.

Sen deixar de reivindicar —lánzanlle un dardo ao Concello, xa que indican que puxeron eles luces do Nadal porque non lles tocou ningunha do Concello—, fieis ao seu estilo durante todo este ano, aproveitando o Nadal quixeron brindar pola unión que xerou toda a súa loita. Animan a outros veciños que pasen polo mesmo a non renderse.