O Teucro é arroiado polo líder

álex davila PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Balonmán Os azuis víronse desbordados en todo momento polos culés

07 feb 2021 . Actualizado ás 22:02 h.

Derrota sen paliativos da Sociedade Deportiva en Teucro no regreso do balonmán ao Pavillón Municipal tras as semanas de parón ligueiro. O conxunto pontevedrés viuse superado polo filial do FC Barcelona, líder da liga, nun partido no que en ningún momento tiveron a oportunidade de competir.

Fulgurante entrada do Barcelona no campo, con catro goles moi rápidos que enseguida deixaron as cousas claras a un Teucro ao que lle custou atopar ocos na defensa do líder. Cando apenas transcorreran seis minutos do partido, Irene Vilaboa viuse obrigada a gastar o seu primeiro tempo morto (1-5) para que seguise habendo posibilidades.

Os azuis conseguiron atopar certa orde defensivo tras o parón, pero este só serviu para iniciar un intercambio de goles co filial no que a desvantaxe apenas era reducida. A pesar do traballo baixo paus primeiro de Manojlovic e despois de Wermbter, o partido estaba claramente decantado e rematouse de romper superados os 20 minutos (9-18). Aleksandar Cenic (6 goles na primeira parte) e tamén un bo Roberto Domenech baixo paus fixeron imposible calquera posible achegamento do equipo pontevedrés nun partido que por momentos se disputou con valor e con ataques rápidos nos dous lados da pista.

Con pouco por decidir na segunda metade e unha desvantaxe de goles insalvable, o Teucro intentou salvar os mobles e competirlle a un líder intocable que non fixo máis que aumentar a súa vantaxe tras o regreso dos vestiarios. Non en balde, o Teucro chegaba a un partido que non é da súa liga minguado por baixas importantes como as de Dzokic ou Caue Herrera, ademais da saída hai unhas semanas do seu goleador Anxo Iglesias rumbo ao Cisne de Asobal.

Aos pupilos de Irene Vilaboa custoulles case nove minutos facer o primeiro gol do segundo acto. Mentres o Barça B collía velocidade de cruceiro con goles rápido de saída tal e como ocorrera no arranque do choque, o Teucro non atopou o camiño a porta ata que Víctor Deco fixo o ansiado gol cando xa se superaba o oitavo minuto do segundo tempo e o filial blaugrana, que onte vestía dunha vistosa cor rosa, xa dobraba no marcador aos de Pontevedra (13-25).

Nun final con pouca historia a peor parte leváronlla os locais que, se xa arrastraban baixas esta semana, viron agora como Diego Martínez tivo que ser substituído por un golpe mediado o segundo acto. Os azuis pódense centrar agora nunha parte da competición na que xa si teñen por diante rivais da súa liga e a semana que vén viaxan ata a comunidade valenciana para verllas o co Horneo Sporting Alacante.

?

Manojlovic (Fede Wermbter, Raúl Pérez); Pedro Sánchez (1), Iago Rodríguez (1), Roi Sierra , Remeseiro (3), Samu Pereiro (4), David Rey , Jacobo Ríos, Miguel Sío (3), Diego Martínez (1), Alejandro Gómez, Ricardo Antón (4) e Víctor Deco (4).

?

Roberto Domenech (Jordi González); Martí Soler (2), Albert Pujol (1), Juan Palomino, David Roca (6), Antonio López (2), Lluis Montserrat, Alejandro Barbeito (3), Nil Orts, Bruno Reguart (4), Robert Rosell (1), Néstor Ruiz, Arnau Fernández (3), Aleksdar Cenic (7) e Artur Parera (4).

MARCADOR: (cada 5 minutos): 1-4, 4-7, 5-12, 9-15, 11-19, 12-21 (descanso) 12-23, 13-25, 16-26, 17-29, 20-30 e 21-34.

ÁRBITROS: Gutiérrez Sobrino e Mollo Ortega. Excluíron dous minutos a Víctor Deco (2) e Miguel Sío do Teucro e Bruno Reguart e David Roca do Barça B.