Unha segunda oportunidade

Mar Gómez. Orentadora IES Montecelo ORIENTADORA DO IES MONTECELO

PONTEVEDRA

01 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos ciclos básicos da Formación Profesional escolarízase un alumnado cuxas necesidades de apoio educativo supuxeron un impedimento para acadar unha titulación na súa anterior etapa educativa. Esas necesidades de apoio poden vir motivadas, entre outras causas, por dificultades de aprendizaxe, situacións socio-familiares ou persoais ou problemas de comportamento na aula; en calquera caso, cada un destes alumnos e alumnas merece atopar un contorno educativo que dea resposta a esas necesidades e que, ou ben lle procure a súa continuidade no sistema educativo a través dos ciclos medios, ou ben lle facilite a certificación profesional mínima que garanta a súa incorporación no mundo laboral. Algo que si caracteriza a todo este alumnado é a falta de confianza nas súas propias destrezas e unha actitude «á defensiva» ante a posibilidade de experimentar de novo a sensación de fracaso. Ademais de evitar a súa exclusión do sistema educativo, a Formación Profesional Básica promove o acceso destes rapaces e rapazas a novas oportunidades de aprendizaxe nas que poden «aprender facendo» e que lles permiten acadar os seus propios logros.

O filósofo e investigador José Antonio Marina di que dentro da Declaración Universal dos Dereitos dos Nenos e Nenas debería incluírse «o dereito a sentir o éxito académico» e, dende os ciclos básicos, queremos fomentar ese sentimento nos nosos alumnos e alumnas como motor do seu crecemento persoal.