«Como a xente non cambie de mentalidade non hai maneira»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

P.CHAPELA

Estima en máis de 300 as hectáreas calcinadas no monte Xiabre nun novo lume intencionado

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

José Manuel Suárez (Moraña, 1970) recibía o domingo, pasadas as oito da tarde, un aviso dun lume forestal na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis. «Acaban de chamar, vou buscar o tractor para ir alí e ver onde é». A esas horas nas que Galicia xa tiña incendios activos nas catro provincias o presidente da Comunidade de Montes de Saiar non se imaxinaba o que estaba por vir. Onte, desolado e case sen durmir, voltaba ao monte Xiabre.

-Como está a situación despois da noite?

-Estanme contando que varreu todo. O que había entre unha columna e outra está todo ardido.

-Ten algunha estimación da superficie queimada na zona de Saiar?

-Pois poden ser máis de trescentas hectáreas só na nosa zona. Foran 140 o ano pasado e isto triplica a superficie.

-Tal e como se produciu, xa de noite, con dous focos e aproveitando a seca parece ser clara a intencionalidade...

-Exactamente. Sabían moi ben o que se aveciñaba e o vento que había. Plantaron nun sitio e foi todo para arriba, empezou a subir cara o alto de Meda, onte están as antenas. Empezar empezou aquí abaixo, onde están as propiedades e subiu todo cara arriba e desplazouse cara o oeste.

-Durante a noite os medios de extinción tiveron que se trasladar á zona de Catoira, onde había risco para as vivendas.

-Si. Ao principio viñeron varias motobombas, pero despois tiveron que ir a outros lados porque aquí no medio non actuaron. Estaban esperando por se baixaba ás casas ou que non saltara a unha pista xeral. Todo ese tramo ardeu.

-Cando di que sabían o que se aveciñaba voltamos ao de sempre. Os que plantan lume son da contorna?

-Que queres que che diga. Que hai intencionalidade? Por suposto que é intencionado. É xente que coñece ben o monte, as ladeiras e como se desenvolve o lume. Por suposto. E aproveitando que viña o vento. Buscou o momento e menos mal que a chuvia axudou.

-Que se pode facer porque esta parroquia foi declarada de alta actividade incendiaria e segue ardendo?

-Á nosa ladeira do Xiabre os propios axentes lle teñen moito medo. Porque como o lume veña nun día de vento non hai nada que facer. O problema está en controlar a ese tipo de persoas se se lles pode chamar persoas. E que son as que fan este ataque.

-Pero é xente coñecida?

-Ten que ser xente da contorna porque o noso monte é complicado. O domingo tiven que acompañar a varias cuadrillas de extinción porque non coñecen o monte nin saben por onde meterse. Houbo unha motobomba que se veu atrapada e non contaban con ela. Ao final a deron sacado. A xente non coñece isto e para meterte polos camiños do monte tes que coñecelo. De moi lonxe non é, pénsamolo todos, pero como fas, como non collas a alguén coas mans na masa.

-Que foi o que ardeu?

-As plantacións todas. Piñeiros de vinte anos, que estaban moi grandes, e mesmo unha zona que acababamos de preparar cunha subvención. E rematamos o mércores e aínda tiña que presentar a documentación na Xunta. Esa é unha zona pequena de sete hectáreas, o resto era todo piñeiro de polo menos vinte anos.

-Que lle pide ás Administracions, á policía?

-Nun caso coma este nada. Así coma o ano pasado protestei pola falta de medios e de coordinación , este ano nada porque sendo as horas que foi e o vento. O que pediría é vixilancia, pero vixilancia tamén facemos nós e nada. Non hai maneira. Como a xente non cambie de mentalidade e se dea conta dos desastres que están facendo, non hai maneira.