Cáritas e Mans Unidas celebrarán un festival «pola xustiza e contra a fame»

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Terá lugar o sábado na Ferrería e pretende concienciar aos cidadáns sobre a situación que están a padecer moitas familias

05 may 2014 . Actualizado á 13:22 h.

«Un día tiven fame e eles déronme para comer. Un día estiven enfermo e déronme medicamentos». Pedro Campos quixo agradecer, agora que a súa situación cambiou e ten traballo como promotor de eventos, o traballo que realizan Cáritas e Mans Unidas. E fíxoo organizando o festival que ambas as entidades celebrarán o sábado pola tarde na Ferrería para sensibilizar dunha forma festiva aos ciudadamos, «que son moi solidarios», sobre a situacion que está a pasar moita xente en Pontevedra.

A cita reunirá desde as 17.30 ata as 20.30 actuacións musicais, de dj's e tamén contará con diversas actividades para nenos, xa que se pretende que sexa unha festa aberta a toda a familia. A idea é sensibilizar e tanto Cáritas como Mans Unidas instalarán mesas informativas sobre o seu labor, aínda que, como sinalaron os seus responsables respectivas, María Jesús Prieto e María Luisa Fernández, no festival «non imos pedir nada». «Debemos redistribuír os alimentos e a riqueza», engadiu Prieto. Todos os artistas que colaboran fano de forma voluntaria. Fernando Tomé é o autor do cartel, que mostra a unha muller sostendo un peixe xigante.

Prieto insistiu en que «aínda que hai situacións moi tristes, este é un festival moi animado e con alegría, hai que transmitir esperanza e alegría».