Olaría de Niñodaguia.
Olaría de Niñodaguia. MIGUEL VILLAR

26 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Niñodaguia é un lugar situado no norte da provincia de Ourense, entre os concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, aínda que administrativamente pertence a este último. Pura Ribeira Sacra ourensá e terra de tradición cacharreira, que é como alí se lle di ao arte da olaría. Ben é certo que hai outros dous lugares homónimos, un no concello de Santiso na provincia da Coruña, San Paio de Niñodaguia e outro no concello de Baltar-Ourense, San Lorenzo de Niñodaguia. Mais sen desmerecerlle a ningún, quizais pola transcendencia da olaría o máis coñecido sexa Santa María de Niñodaguia-Xunqueira de Espadanedo. Terra dos meus avós por parte de nai.

É unha fermosa parroquia formada por oito pequenas entidades de poboación situadas entre a impoñente Cabeza da Meda (1.316 metros) e o Alto do Couso (701 m.). Moita historia concentrada nun lugar arrodeado de antigos castros, mosteiros, igrexas románicas e lugares tan únicos como San Pedro de Rocas. Alí aínda conservamos a casa dos meus avós. Está situada no lugar chamado Eirexa e dende o seu balcón pódense ver con claridade a Serra de San Mamede, a depresión da Limia onde estaba situada a tristemente desecada lagoa de Antela e ao fondo, nos días claros, algúns montes de Portugal, ou así mo indicou sempre o meu avó.

Cun topónimo controvertido e enigmático que chegou a ser castelanizado de xeito groseiro como Niño de la Guía; ou tamén explicado dende a popular lenda relixiosa relacionada coa aparición da virxe a un neno mentres unha aguia voaba ao seu redor. Sen embargo, considero que hai outros vieiros con máis credibilidade. Eu quedo co estudo e a teoría desenvolvida pola filóloga Dolores González que fala de algo referido a un hidrónimo atendendo á evolución lingüística da palabra que aparece nun mapa do Dicionario Xeográfico de Tomás López de finais do século XVIII e comezos do XIX onde Niñodaguia aparece nomeada como Niñoaiga. Atendendo a que os oriúndos aínda lle seguen chamando Nodaiga ou Niñodaiga maiormente e que alí sempre houbo terreos con moito bulleiro de onde extraían o barro para facer os cacharros, eu atrévome a pensar que de aí pode vir o topónimo. Niño como berce ou nacemento da auga. Interesante e moi críbel.