Xunqueira de Ambía cobraralle 120.000 euros a Adif se non arranxa as estradas

SINDO MARTÍNEZ XINZO / LA VOZ

XUNQUEIRA DE AMBÍA

Santi M. Amil

O alcalde advirte á empresa que aplicará a ordenanza de movemento de terras se non atende ás súas peticións

21 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, quere que as estradas danadas polas obras de construción do AVE sexan reparadas xa. Non acepta máis demoras. E así llo fixo saber ao administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif); advertíndolle de que lle aplicará a taxa recollida nunha ordenanza municipal por movemento de terras no caso de que non sexa así.

Gavilanes cifrou en 600 millóns os quilos de terra trasladados no territorio municipal polos traballos do AVE desde o inicio dos traballos. «Aprobamos unha ordenanza específica cando se iniciaron as obras e está vixente. A nosa avaliación é que a taxa que se debería abonar por parte de Adif rolda os 120.000 euros. Só no túnel de Casares movéronse máis de 300.000 toneladas», asegurou o rexedor. E non lle treme o pulso á hora de reclamar que se cumpra o pactado. «Se é necesario acudir aos tribunais, farémolo», avanzou. Gavilanes mostrou o seu malestar pola demora na concreción da reparación das estradas municipais.

«Imos insistir ante a Deputación para manter en breve unha reunión dos alcaldes de concellos afectados polas desfeitas das compañas que constrúen a liña do AVE na provincia», sinalou Gavilanes. E engadiu: «Hai semanas que cada concello con danos recibiu un informe sobre eses danos. Agora fai falta un compromiso formal do Adif».

Á espera dun informe

Pola súa banda, o adminisatrador de infraestruturas ferroviarias anunciou que adxudicará as obras de reparación das estradas danadas en canto a Deputación remítalle ese informe sobre danos, o mesmo que xa recibiron os alcaldes hai algunhas semanas e que citaba Gavilanes. A finais de 2016, a emrpesa confirmou un investimento de 2,18 millóns de euros para reparar as desfeitas en vías de titularidade autonómica e provincial.