Un incendio de 800 hectáreas en Vilariño de Conso foi provocado por desavinzas entre cazadores e comuneiros

La Voz OURENSE

VILARIÑO DE CONSO

MIGUEL VILLAR

O Seprona interrogou a dous sospeitosos investigados como presuntos autores

21 may 2021 . Actualizado ás 18:21 h.

A Garda Civil ten dous sospeitosos de ter provocado o incendio que, en setembro do 2020, calcinou máis de 800 hectáreas do monte da parroquia de Sabuguido, en Vilariño de Conso (Ourense). A investigación realizada polo Seprona (Servizo de Protección da Natureza) relaciona este incendio presuntamente intencionado con desavinzas en materia de caza.

Segundo o instituto armado, a liña de investigación seguida na operación Forestate apunta a que «o incendio foi provocado por desavinzas en materia de caza, xa que integrantes da comunidade de montes da vila de Sabuguido levaran a cabo, por motivos económicos, a segregación dos seus terreos do tecor municipal de Vilariño de Conso».

O incendio detectouse de madrugada, ás 2.22 horas do 13 de setembro do 2020 e afectou a terreo protexido dentro da Rede Natura 2000. Os autores prenderon lume en catro puntos, nunha zona illada e con pendente. Segundo a Garda Civil, plantaron lume neses puntos «situados de forma estratéxica para, presuntamente, mediante a propagación queimar os terreos que pretendían ser segregados».

A orografía do terreo, a temperatura, o vento e a escasa humidade favoreceron que o lume se propagase sen control e sen que os medios de extinción puidesen atallalo nas primeiras horas. O seu perigo obrigou a declarar a Situación 2, polo risco para poboacións e bens non forestais. Estivo activo cinco días e foi necesaria a intervención da Unidade Militar de Urxencias (UME), ademais doutros moitos medios de extinción. Púidose dar por apagado finalmente o 17 de setembro, e a superficie calcinada foi de 817,29 hectáreas.

MIGUEL VILLAR

Antes deste gran incendio houbo outro o día 7 que se puido apagar rapidamente coa actuación dos medios do servizo de extinción. Os investigadores indican que un compoñente dunha brigada manifestoulles que foi «un aviso» aos comuneiros de Sabuguido.

A investigación do Seprona levou a cabo durante estes oito meses e segue aberta para solicitar novos indicios. A colaboración da poboación local foi escasa, lamentan. Pero como resultado, identificaron a dous sospeitosos, dous veciños de Vilariño de Conso, de 19 e 33 anos, respectivamente, aos que tomaron declaración en calidade de investigados. Non se descarta que participasen máis persoas.

Neste traballo participaron axentes do Seprona, do Equipo Multidisciplinar de Investigación de Incendios Forestais, de Seguridade Cidadá do cuartel de Viana do Bolo e a patrulla de protección da natureza de leste mesmo cuartel. Tamén colaboraron axentes ambientais do distrito forestal Verín-Viana do servizo da Xunta. As dilixencias entregáronse no xulgado da Pobra de Trives.