As oposicións rompen a tranquilidade do rural en Ourense

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE

VILAMARÍN

Miguel Villar

A localidade ourensá foi unha das sedes das probas para profesorado ás que se presentan 26.000 aspirantes en Galicia

19 jun 2021 . Actualizado ás 21:01 h.

Sábado, 9.30 da mañá. Non é nin o día nin a hora para atoparse o patio central de lIES Vilamarín, na provincia de Ourense, cheo de xente. Pero aí están. Son opositores ás prazas convocadas pola Xunta para o sector educativo. En concreto, as persoas que se deron cita nese bucólico escenario do pequeno municipio ourensán, calado por unha fina choiva e cuberto nesta xornada dunha néboa matinal máis propia de outono que da véspera do verán, aspiran a unha das oportunidades para exercer a docencia en Hostalería e Turismo. Non é habitual que un centro como este, nunha pequena localidade ourensá do rural, acolla oposicións, pero o protocolo covid obrigou este ano a botar man de todas as alternativas posibles. De todos os xeitos, hai que matizar que para o IES Vilamarín tampouco é unha novidade; xa foi sede para os exames das oposicións de cociña hai varios anos.

Aínda que a procesión vaia por dentro, o certo é que os opositores que se achegaron a Vilamarín este sábado non parecían demasiado tensos. Uns mataban o tempo de espera paseando con aire de concentración, outras sentadas nalgunha das poucas mesas exteriores do recinto mentres repasaban papeis ou envíaban mensaxes de móbil; algúns recibindo apoio moral do acompañante de quenda ou charlando en pequenos grupos con colegas de profesión reencontrados despois de anos sen verse. Aínda que superan o centenar, nas conversacións non se oen voces altisonantes. En honra á verdade hai que dicir que os que máis decibeis achegan ao son ambiente son os dous pastores alemáns da leira contigua ás instalacións do centro educativo, que protestan, ao seu xeito, polo trajín de coches e persoas nas inmediacións. Algúns madrugaron para chegar desde puntos bastante distantes de Galicia, outros, como Manuela Verea, de Marín , preferiu facer noite máis preto. «Non foi doado atopar aloxamento. Estaba bastante copado nos arredores, así que ao final nos quedamos nunha casa rural aquí mesmo en Vilamarín», apunta esta profesora con 18 anos de traxectoria laboral ás súas costas como docente, principalmente de música. «Teño varias carreiras, entre elas dúas de conservatorio, superiores; e tamén a de Turismo», matiza. Veterana das oposicións, esta será o seu cuarto intento de obter unha praza fixa. «Agardo quedar preto de casa; en Pontevedra ou en Vigo », comenta esta docente. Tamén Pilar Castro intentouno con anterioridade. «As outras veces vin case sen poder estudar; porque aínda que son titulada en Historia da arte e en Turismo estou a traballar no sector dos perfumes e a cosmética; e é difícil atopar tempo, máxime se tes dúas nenas, como é o meu caso», conta esta coruñesa. Precisamente o buscar unha saída laboral que lle facilite a conciliación, é un dos motivos que a levou a intentar por terceira vez o asalto á docencia. «Ademais é algo que sempre me gustou», di.

Xunto a elas, outros 144 aspirantes estaban anotados para enfrontarse aos exames nalgunha das cinco aulas e os dous talleres de comedor habilitados, dentro dos dous edificios do IES Vilamarín, para albergar aos aspirantes o suficientemente separados como para cumprir cos protocolos fronte ao covid. Pola mañá aos opositores agardábanlles tres horas de proba práctica. «Teñen que elixir un entre dous supostos, e cada un deles expón varios exercicios» explicaba Raquel Abeledo que, xunto a Rocío Pérez, repártense a presidencia dos dous tribunais creados en Vilamarín. Por ta tarde o proceso para a elección do exame teórico farase sacando cinco bólas entre as 67 que representan ao temario da oposición. Terán dúas horas para desenvolvelo, antes de selar o sobre que terán que abrir para presentalo ante o tribunal, cando se proceda a chamarlles en próximas xornadas. Ademais de en o IES Vilamarín, a provincia de Ourense acolleu a opositores para esta convocatoria da Xunta no Carballiño , Ribadavia e noutros 14 centros educativos da cidade das Burgas