00031716650887899328461

O moteiro de Verín que percorrerá 17.000 quilómetros ata Nepal con escolta incluído

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARREIRA OURENSE / LA VOZ

VERÍN

cedida

Óscar Conde emprenderá unha viaxe dun mes e medio por dez países tras crear unha ruta que nin concibe Google Maps

26 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Estivo na estrada máis alta do mundo e circulou polos 25 portos de montaña máis elevados de Europa, pero para Óscar Conde, máis coñecido como Óscar Cigarrón, o asfalto non ten fin. Este verinés lánzase ao seu próximo reto sobre dúas rodas con 17.000 quilómetros, desde Santiago de Compostela a Katmandú atravesando dez países nun mes e medio, para os que mesmo necesitará escolta. Deseñou unha ruta que nin Google Maps concibe para unir a cultura galega e a nepalí. E, ademais, cumprir un soño. 

Óscar presentou este sábado a súa viaxe na Casa de Cultura de Verín . É unha aventura que pensara para o ano 2020, pero a pandemia e a guerra de Ucraína, por onde ía circular nun principio, complicaron o seu periplo. Cruzará Europa e Asia por  Italia,Croacia, Montenegro, Albania, Macedonia, Grecia, Irán, Paquistán, India e, finalmente, Nepal. Sairá de Santiago en setembro e irá só ata Barcelona, onde se unirá a un grupo de 12 persoas que o acompañarán ata Nepal. «Temos que ir en grupo porque en países como Irán e Pakistán esixen escolta militar e necesítase un grupo mínimo para non esperar na fronteira», explica. 

Entre os seus acompañantes, hai persoas que se dedican a preparar viaxes internacionais porque o itinerario escollido polo verinés ten a súa complexidade. A maior preocupación son Irán e Paquistán, non por seguridade persoal senón pola tensión política entre os países, tamén con India, que poden causarlles problemas administrativos na fronteira. Por iso, levan unha ruta alternativa preparada por Xeorxia e Armenia. Eles mesmos tiveron que crear o itinerario de cero, pero iso non era un obstáculo porque Óscar tiña claro que o destino era Nepal. «É un contraste total coa cultura que temos aquí e pareceume curioso xuntar as dúas», argumenta. Aínda así, tamén destaca puntos en común como ser un lugar de peregrinación. 

A pesar de todos os quilómetros que ten ás súas costas, este reto será diferente para o verinés. É o máis longo en tempo, xa que aínda que por Europa se avanza rápido, nos países asiáticos terán que baixar o ritmo. Ademais, aproveitarán para visitar e coñecer os diferentes lugares que atravesan. «Non se pode facer 10.000 quilómetros e non ver nada!», chancea. Sobre todo porque os 45 días que estará na estrada son as súas vacacións. O moteiro relata que na súa empresa lle abriron a man a coller un período maior do estipulado: «Tiven a sorte de que a miña xefa díxome, se é o teu soño, adiante». 

Por outra banda, Óscar emprende esta vez a viaxe en grupo, a pesar de que lle apaixona ir só. «Por unha parte non estás condicionado ao que decidan outras personas e ademáis son momentos para un mesmo. Cada vez que chegas das viaxes gañas unha mentalidade diferente», defende. Aínda que aínda quedan uns meses ata arrincar cara a Nepal, o verinés xa empeza a estar nervioso e espera que sexa unha aventura divertida. E que saia todo ben. 

Na presentación da viaxe, tamén aproveitou para adiantar a Gala Entroideira de Nepal, que se celebrará o 29 de xuño. Este evento xorde por mor de que Óscar puidese ver en primeira presenta realidades dunha grave pobreza en África ou Asia. Coñeceu a un voluntario da oenegué Abrazando Nepal, que dá 200 pratos de comida diaria a quen o necesitan, e decidiu organizar a gala en Verín para recadar fondos para a organización. «Ese vai ser o sentido da viaxe», asegura. A cita será no auditorio municipal e estará acompañado de Miguel Ángel Prieto e Carlos Damorín. Polo momento, adiantaron que se proxectará a película Frai Chitín e ou Triángulo Máxico.