«O viño é un nexo de unión entre persoas»

sindo martínez VERÍN / CORRESPONDENTE

VERÍN

cedida

O creador de Verín Pedro Armestre expón imaxes de caldos da súa terra na Costa Azul francesa para promocionalos

12 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha serie de fotografías dunha das exposicións do verinés Pedro Armestre, un dos máis reputados profesionais españois da imaxe, servirán para promocionar o viño godello e mencía dunha adega de Castrelo do Val na Costa Azul francesa. A mostra artística deste creador, titulada Íntimo, incluirá imaxes dos caldos Estela do Val da adega Franco Basalo. A proposta pode supor a súa introdución nunha rexión dun alto nivel adquisitivo nos próximos anos. O artista mantén unha estreita relación con Francia desde hai xa varios anos. Alí expón e vende a súa obra en colaboración coa Asociación Nereus Arts. A través dela doa a metade dos seus ingresos aos distintos proxectos ambientais desta organización.

-Como xurdiu esta idea?

-Comprometinme cos meus amigos da Costa Azul a inicialos nos mencías e godellos da miña terra, os caldos da denominación de orixe Monterrei, e o Estela do Val de Basalo creo que é unha boa carta de presentación. Todo vén de tempo atrás, cando os meus amigos e coñecidos daquela zona agasallábanme cos viños de alí. Eu sempre lles comentaba que no meu pobo tamén se elaboraban uns caldos excelentes e que había unha gran cultura do viño. Hai meses, en xullo, xa realizamos unha exposición chamada Íntimo na que se incluían imaxes destes caldos. Agora volveremos abrila. Hai algún tempo falei co meu amigo José Manuel Franco, de adegas Basalo, e pareceulle unha excelente idea promocionar unha colección selecta de 25 coleccións de oito botellas.

-Por que na Costa Azul?

-Teño unha vinculación grande polas miñas exposicións desde hai tempo con esa zona. Alí hai un alto nivel de vida e descoñecen o viño de Monterrei. Creo que pode ser unha boa ocasión para dar a coñecer este produto. A idea é que os asistentes á exposición poidan catar estes caldos exclusivos de Basalo.

-Que repercusións pode ter esta propueta alí en canto a vendas?

-É importante que unha denominación tan pequena como a de Verín se promocione e estea presente en restaurantes de diferentes países. O viño é un nexo de unión entre persoas e é unha canle para compartir e dialogar. Esta colección é limitada, pero pode conseguir que se coñezan estes viños nun lugar de gran potencialidade.

-Desde cando a súa relación co viño?

-Son da Rasela e a miña relación co viño vén desde a nenez. Na miña infancia pasei moitos intres no interior do lagar dos meus pais, que seguen fabricando os seus caldos.

-Que potencialidades velle aos caldos verineses no exterior?

-O transcendente é que nun restaurante dun país determinado ou noutras zonas de España coñezan e teñan veu na carta algún viño de Monterrei. O proceso de expansión é lento, porque a denominación ten unhas dimensións limitadas, moito máis pequenas que outras moito máis consolidadas a nivel estatal, pero se se vai pedindo e coñecendo, seguro que as vendas no estranxeiro e noutros puntos de España irán a máis. Con esta iniciativa na que colaboro, tratamos de achegar o noso granito de areas a esa expansión internacional.

-En que proxectos artísticos atópase inmerso agora?

-Colaboro con Save the children, Greenpace e Alianza pola solidariedade. Son o comisario da exposición do primeiro centenario da primeira desas oenegués que está a percorrer cidades españolas. Estivemos en Madrid, Valencia e Sevilla e agora iremos a Bilbao e a outras urbes. Planifico unha viaxe ao Líbano para un proxecto de Alianza pola solidariedade sobre o papel da muller. No meu labor artístico estou especialmente interesado en temas ambientais como o cambio climático. O viño, curiosamente, vai ser un dos produtos máis afectados a medio e longo prazo por estas alteracións do clima. Por iso doo parte dos meus ingresos polas miñas exposicións e o meu traballo para proxectos de concienciación e recuperación ambiental.