A xustiza anula a contratación de catro técnicos no Concello de Verín

s. m. VERÍN / CORRESPONDENTE

VERÍN

O sindicato CIG recorreu a Relación de Postos de Traballo aprobada en 2017

10 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O xulgado número 2 de Ourense estimou un recurso presentado pola CIG contra a aprobación da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Verín de 2017 ao entender que o goberno local violou o dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical.

A resolución supón a anulación de catro postos: técnico informático, recursos humanos, xestión económica e enxeñeiro superior. Ademais de non avalar eses catro novos postos, a sentenza supón a anulación de parte da Oferta Pública de Emprego aprobada polo bipartito para o ano 2019, ao incluírse nela os postos agora anulados polo xuíz. «A modificación [da RPT] prevista pola administración foi aprobada, e a [negociación] interesada polo sindicato recorrente non consta que, a día de hoxe, teña sido nin tan sequera iniciada. Por todo iso, entendo que se vulnerou o dereito á negociación colectiva na súa vertente de liberdade sindical», recolle a sentenza.

«Que a un goberno progresista lle anulen os acordos que adopta por falta de negociación é como para que os seus socios repensen se se pode seguir a vender progreso a base de decretazos, como fixo durante anos no Concello de Verín o Partido Popular», esgrime o portavoz da CIG, Óscar Núñez.

O alcalde, Gerardo Seoane, anunciou a presentación de recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. «Hai unha primeira parte, referida á Policía Local, outra dos funcionarios e outra do persoal laboral. Urxía a aprobación da contratación de catro técnicos para crear un equipo que asesorase sobre diversos aspectos de moito peso da xestión municipal -dixo Seoane-. A CIG usou argucias legais para facer valer a súa posición. Veremos como acaba o litixio. Non nos negamos a negociar, pero precisamos tempo e medios humanos para iso».