A saída de Verín da mancomunidade pon en xogo a taxa do lixo

s. martínez XINZO / LA VOZ

VERÍN

CEDIDA

Se o organismo non atopa unha empresa para asumir o servizo, terá que subir o prezo ao facelo a Deputación

29 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O divorcio entre o Concello de Verín e a Mancomunidade en torno ao servizo de recollida de lixo consumouse nunha reunión celebrada onte. Desde o 1 de xaneiro, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra e Vilardevós terán un servizo; e Verín o seu propio.

A formulación dos seis municipios pasa por intentar unha licitación e adxudicación con carácter de urxencia por algo máis de 300.000 euros. Deberá estar lista antes de finais de ano. No caso de que non frutificase esa adxudicación urxente, a outra opción sería que o servizo pasase á Deputación. Nese suposto, o custo para os concellos elevaríase a preto de 550.000 euros anuais. É dicir, 55 euros por habitante (non por cada vivenda) dos case 10.000 residentes nas seis localidades. Cada concello debería, se é así, definir unha nova cota polo servizo. Agora mesmo, a cota era de 53 euros anuais por veciño.

«A opción do traspaso á Deputación está aí, expuxo o presidente da Mancomunidade, José Luis Suárez Martínez. Técnicos da Deputación xa traballan coa posibilidade de asumir o servizo o día 1 de xaneiro.

Queda por resolver, tras unha reunión entre o presidente do organismo e o alcalde de Verín, como se reparte a contratación do persoal da actual concesionaria -que asumirán todos os concellos- e unha nave existente en Verín.

«Non se trata dun problema financeiro, senón de que a mancomunidade e a súa correlación poboacional non é a mesma que en 1986 cando se creou. Agora hai máis poboación no noso municipio e recóllese moito máis aquí», explicaba o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.