Marta Nóvoa deixará o Parlamento para gobernar San Cibrao das Viñas

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

SAN CIBRAO DAS VIÑAS

Marta Nóvoa fue felicitada este miércoles por sus compañeros en el Parlamento
Marta Nóvoa foi felicitada este mércores polos seus compañeiros no Parlamento XOAN A. SOLER

A popular móstrase moi satisfeita cos resultados

01 jun 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O Partido Popular sumou un concelleiro máis no consistorio tras as eleccións en San Cibrao das Viñas. Marta Nóvoa, que substituíu como cabeza de lista a Manuel Pedro Fernández, conseguiu once edís, dos trece cos que conta o Concello. Os outros dous concelleiros son para o PSOE. Estreouse como candidato Rafael Rodríguez Villarino, co que baixou un concelleiro a representación socialista.

«Estou moi contenta, o apoio foi brutal. No 2019 tivemos o respaldo do 68% dos votantes e nestas eleccións foi do 72,7%. Aumentamos na zona urbana e mantivémonos no rural», sinala a futura rexedora. Explica que o reto que se marcou durante a campaña era manter, polo menos, a ampla maioría de concelleiros do seu antecesor. «Ao final conseguimos un máis e iso dáte moita máis forza», engade a popular. Nóvoa non é nova en labores municipais, xa que leva doce anos ao lado de Manuel Pedro Fernández, desde o 2015 como tenente de alcalde. Por iso, afirma, non comezará a traballar senón que seguirá cos proxectos xa en marcha. «Agora mesmo xa estamos inmersos nos campamentos de verán e nas actividades estivais, como excursións ou rutas. Ademais de continuar cunha serie de obras que xa comezaron», explica.

Moisés Blanco
Moisés Blanco Santi M. Amil

O seu novo cargo como alcaldesa de San Cibrao das Viñas leva consigo a renuncia á súa acta de deputada no Parlamento de Galicia. Nóvoa é, actualmente, viceportavoz do Partido Popular e portavoz de Industria. A saída de Marta Nóvoa supón a entrada dun novo deputado por Ourense. Sería o valdeorrés Moisés Blanco. «De momento non o pensei. Aínda que estaba case claro que Marta ía ser alcaldesa, hai que agardar ata o 17 de xuño [data de constitución das novas corporacións municipais] para tomar a decisión», afirma Blanco Paradelo.

Este mércores celebrouse pleno no Parlamento de Galicia e Marta Nóvoa recibiu a felicitacións dos seus compañeiros: «Dixéronme que me van a estrañar. Foi moi bonito».