«As que limpan», de , A Panadaríapremio do público da Mostra de Teatro de Ribadavia

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

«As que limpan», de A Panadaría.
«As que limpan», da Panadaría. Santi M. Amil

A actriz Nerea Brey leva o Abrente do certame por «Manual de patronaxe»

24 jul 2023 . Actualizado ás 17:42 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) pechou as portas da súa edición número 39 tras dez días de intensa actividade escénica. Máis de vinte pezas teatrais e ata seis citas por día, entre as que destacaron oito espectáculos de rúa e as actividades paralelas, puxeron fin a unha edición que recuperou as cifras prepandémicas, cun aumento na recadación por venda de entradas dun 34 % respecto da edición do ano pasado. O premio do público foi para a obra As que limpan, de A Panadaría, seguida de preto por Fuck me ,de Marina Otero.

As que limpan, que xa obtivo o Premio María Casares como mellor espectáculo este 2023, namorou ao publico que se achegou a Ribadavia . Fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fuck me, que se estreou na MIT, é máis conceptual. Marina Otero deixa que os corpos masculinos falen do paso do tempo. Trátase dun espectáculo entre a ficción e o documental, entre a danza e a performance. Obtivo no 2021 o premio do público do ZKB?Theater Spektakel de Zúric.

No marco do MIT concedeuse tamén o Premio Abrente de Textos Teatrais, que chega á súa edición número dezaoito. O xurado acordou por unanimidade decretar como gañador o texto Manual de patronaxe, de Nerea Brey (Lalín, 1987). «Trátase dunha obra con aparencia e ferramentas da autoficción, ben elaborada, estruturada e coherente, que contén o equilibrio e capacidade necesarias para enfiar con atino o íntimo co profesional, entre dous planos que conforman un suxerente diálogo interxeracional», subliñan desde o xurado.

La actriz Nerea Brey.
A actriz Nerea Brey. Mostra de Ribadavia

A obra mestura temas universais como a perda e a procura da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, que lle serven para enlazar este oficio co universo da escritura, sinalan. «A autora amosa a capacidade para elaborar unha obra aparentemente sinxela pero con potencia para emocionar», engaden. Nerea Brey é actriz, docente de Arte Dramática e creadora escénica.

A organización da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia pecha unha edición da que destacan o gran ambiente creado e a importante repercusión que tivo a cita na economía local. Subliñan que a calidade dos espectáculos e a súa variedade engaden beneficios cualitativos importantes ao propio éxito da MIT, que este ano estivo marcada pola idea de memoria e innovación.