A Xunta ofrece axudas para comprar vivendas en dez centros históricos da provincia

La Voz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

cedida

Unha das principais novidades desta convocatoria é que se elimina o requisito de ser menor de 35 anos

30 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os veciños concellos de Allariz , Boborás, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía poderán acceder á nova orde de axudas para a compra de vivendas nos seus centros históricos. Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, na súa visita a Pazos de Arenteiro, acompañado pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres.

O pasado 16 de marzo abriuse o prazo, que se pechará o 1 de setembro, para que as persoas interesadas poidan solicitar esta liña de axudas. É a terceira convocatoria deste programa, que para o 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación do pasado ano. Os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída - xa sexa nova, usada ou que necesite de rehabilitación- localizada nalgún destes centros históricos. Entre as principais novidades, o delegado territorial destacou que se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, polo que a consideración de potencial beneficiario esténdese a todos os galegos, co fin de favorecer o asentamento da poboación nos conxuntos históricos. Os mozos, en calquera caso, poderán seguir apostando polo programa e veranse beneficiados fronte a outros colectivos. Así, o importe da subvención variará en función da idade do solicitante, polo que se a vivenda fose comprada por unha persoa maior de 35 anos, o importe máximo a percibir será de 10.800 euros; unha cantidade que se ampliará a 12.800 euros cando os solicitantes sexan menores desta idade. No caso de que a vivenda estea situada nun ámbito declarado Área Rexurbe, en Ourense só Ribadavia, a contía elevarase ata 15.000 euros, independentemente da idade.

A outra novidade son os requisitos económicos. O límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o Iprem (48.877 euros), o que correspondería ao 90 % dos fogares, para adecuarse aos prezos do mercado inmobiliario.