Un novo empresario de Venezuela morre ao estrelar de madrugada o seu Mercedes contra unha árbore en Ramirás

La Voz OURENSE

RAMIRÁS

O home, de 27 anos, transitaba por unha estrada secundaria da provincia de Ourense, onde veu de vacacións como cada verán

26 ago 2023 . Actualizado ás 20:15 h.

Xusto unha semana despois de que un mineiro de 33 anos perdese a vida nun tráxico accidente de tráfico de madrugada en Manzaneda, as estradas ourensás volvían tinguirse de loito nun horario e circunstancias similares. O home, un novo empresario nado en Venezuela no ano 1995 perdía a vida nun accidente ocorrido no termo municipal de Ramirás . Por causas que aínda se investigan sobre o terreo, saíuse da vía pola que circulaba cun Mercedes A200. Fíxoo pola marxe dereita, chocou contra unha árbore e envorcou. O médico da ambulancia que se desprazou ata o lugar do suceso só puido certificar o seu falecemento. O vehículo quedou completamente sinistrado.

Jonathan, como se chamaba o falecido, levaba en Ramirás apenas dúas semanas. Viño, como cada verán, para gozar dunhas vacacións en compaña da súa familia. Fillo de emigrantes retornados, a maioría dos seus familiares son veciños do municipio ourensán no que perdeu a vida. En Venezuela, onde residía, era un respectado empresario. Con só 27 anos rexentaba varios negocios do sector da restauración e de feito este ano viaxou a España coa intención de pechar un novo proxecto no noso país. Quería abrir un restaurante en Madrid. Un mal golpe na estrada truncou o seu futuro.

Os servizos de urxencia do 112 Galicia recibiron unha chamada de urxencia dun dispositivo electrónico que incorporaba o vehículo e que foi a que permitiu activar o protocolo de seguridade ás 6.49 horas. O accidente produciuse na estrada OU-531, que une as localidades de Xinzo de Limia e Cortegada. Foi no punto quilométrico 33, que pertence ao municipio de Ramirás.

Ata o lugar do accidente desprazouse a Garda Civil que analiza as causas do accidente e tamén Bombeiros de Celanova . Tras o impacto, o coche quedou nunha zona de vexetación, o que complicou as tarefas da súa retirada.