A Deputación de Ourense premia a xestión cultural do Festival de Jazz Primavera, á asociación Pano e Á parte de Carballo e ao Concello de Carral

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Concierto del Festival Jazz Primavera en el Latino
Concerto do Festival Jazz Primavera no Latino Santi M. Amil

Os Premios Rodolfo Prada inclúen este ano un galardón especial para o proxecto Camino Escena Norte que organizan colectivos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra

18 may 2024 . Actualizado á 20:47 h.

Os Premios Rodolfo Prada que outorga a Deputación de Ourense aos organizadores e promotores de incitativas culturais xa teñen gañadores. O xurado encargado de avaliar as 19 propostas que se presentaron a este certame nesta edición decidiu outorgar o galardón destinado a recoñecer o traballo dos profesionais do sector a Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera, que se desenvolve desde fai máis dun cuarto de século (este ano cumpre 26 edicións) no Café Latino de Ourense. Para este veterano hostaleiro que trae a cidade dAs Burgas ás primeiros espadas internacionais deste estilo musical son os 3.000 euros do primeiro premio.  

O segundo, dotado con 2.000 euros e que se destina a colectivos afeccionados e persoas voluntarias que fan posible o desenvolvemento de eventos culturais, é para a asociación cultural Pano e Aparte, de Carballo. Eles organizan o Festival Internacional de Teatro (FIOT), que leva tres décadas ofrecendo un programa comprometido coas artes escénicas. O terceiro galardón, que premia con 1.000 euros eventos culturais que destacan por algún motivo, lévao nesta edición o Concello de Carral polo seu certame de poesía. O xurado destaca a relevancia que alcanzou esta cita como un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia, que suma 26 anos de traxectoria. 

Este ano, e a proposta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, o xurado decidiu ademais conceder un premio especial ao proxecto Camino Escena Norte. Trátase dunha variada programación de contidos que promoven as asociacións Escena Galega, EscenAsturias, AcepaeEskena. Está articulado como un itinerario de intercambio cultural que ten ao roteiro histórico do Camino de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos campos das sinerxías sectoriais, a mediación co público ou a reflexión. Os obxectivos que se marcan son coñecerse máis entre estes territorios veciños para dar a posibilidade ao público de gozar de producións escénicas ás que doutro xeito non accederían. Na oferta desta proposta inclúese unha oferta cultural diversa que vai desde os espectáculos de teatro ou danza a encontros, talleres, exposicións ou xornadas profesionais nos que se plasma a diversidade cultural, lingüística e de formatos da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.