CC. OO. pide que o alcalde de Ourense non cobre a nómina e dóea para pagar a policías e bombeiros

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

Casa consistorial de Ourense
Casa consistorial de Ourense Ainara Rodríguez

O sindicato lembra que a falta de pagamentos que sofren os traballadores teñen a súa orixe na negativa do goberno local a negociar o capítulo no que están os gastos de persoal no orzamento do 2020

29 abr 2024 . Actualizado ás 13:18 h.

O sindicato Comisións Obreiras lanzou unha idea para paliar a falta de fondos suficientes para afrontar o pagamento completo das nóminas dos traballadores municipais do Concello de Ourense. CC. OO. propón que «o señor alcalde, os concelleiros de DO (Democracia Ourensá) e os asesores non cobren as próximas nóminas e doen as súas importes para que os bombeiros e policías poidan recibir o que non cobraron nos meses de marzo e abril». Lembran que os empregados municipais están sufrindo a aplicación dunha sentenza xudicial cuxo orixe «está na incapacidade» do goberno local de negociar o capítulo 1, o que fixa o diñeiro que se reserva para pagar os gastos de persoal, dos orzamentos no 2020. Esa sentenza obriga deixar o montante dispoñible para ese concepto no fixado no anterior orzamento aprobado.

Comisións Obreiras tacha de «lamentable e inxusto» que os traballadores sigan sen cobrar «o que lles pertence». A falta de reacción dos responsables municipais leva ao sindicato «á conclusión de que se están rindo de nós, día a día, e non son capaces de buscar solucións». Así o manifestan nun comunicado no que aseguran: «Agárdanos unha primavera tremenda, na que a situación empeorará e veremos cando os traballadores poderán cobrar o que lles corresponde ».

Afean ao goberno local que cuestione o traballo da tesoureira ou do interventor «porque nós tamén podemos cuestionar o seu, que por certo, peor non o poden estar a facer». Entre outros aspectos, o sindicato quéixase da falta de ofertas de emprego desde o 2020 e aseguran que non se cumpren artigos do convenio, di que as horas extras se pagan cun ano de atraso e que segue sen acatarse unha sentenza do Tribunal Supremo sobre os pluses de festividade e nocturnidade. «Só atopamos menosprezo e insultos por parte da alcaldía», aseguran.