O BNG alerta de que haberá problemas para pagar a nómina dos traballadores do Concello de Ourense

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Os nacionalistas piden ao goberno local que explique como resolverá a situación xerada pola anulación xudicial do capítulo 1 do orzamento do 2020

26 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense pedía publicamente ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que aclare como pensa resolver e problema orixinado pola anulación xudicial do capítulo 1 do orzamento do 2020 tras o intento errado de solucionalo cun decreto que esta formación cualifica de «chafalleiro» xa que, finalmente foi necesario deixalo sen efecto. O portavoz nacionalista Luis Seara, que compareceu en rolda de prensa acompañado das concelleira Rhut Reza e Erea Blanco , afirma que o ocorrido «é, sen dúbida o exemplo que evidencia a banalización ou jolperización da administración e como se pretende gobernar a golpe de improvisación e ocorrencia sen medir as consecuencias». Neste caso, segundo apunta, esa forma de facer as cousas pode causar un prexuízo grave aos traballadores municipais. «Vamos a estar en problemas para pagar aos traballadores do concello», advertiu. Seara repasou todo o ocorrido desde que se aprobou o orzamento do 2020 sen que previamente se realizase a negociación colectiva preceptiva para ese capítulo 1, o que establece a partida correspondente aos gastos de persoal. «Xa de aquela tanto o BNG, como ténicos municipais  e representantes sindicais advertimos das irregularidades», lembrou e portavoz nacionalista. Seara relatou como por mor da denuncia no Xulgado Contencioso Administrativo por parte de o sindicato CSIF, ese capítulo acabo anulado e que posteriormente se emitiron varios requirimentos xudiciais para que se cumprise esa sentenza que o invalidaba e o retrotraía ao anterior orzamento aprobado, o do 2014. Con todo, tras varios meses de dilacións, o decreto que Jácome asinou para dar cumprimento á sentenza, en febreiro deste ano e tras recibir un último aviso por parte do xulgado, carecía de dous informes preceptivos para que puidese ter validez: «o do responsable da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria e o do interventor municipal». De feito, segundo explicou o portavoz do BNG estes dous técnicos non foron informados da existencia dese decreto ata o 29 de febreiro, oito días despois de que o asinase o alcalde. Segundo matiza Seara, ese atraso en informar aos responsables económicos permitiu que se liberase a nómina de febreiro pero obviamente non resolve o problema de fondo e de feito estaría en risco o pagamento da de marzo.

O BNG reclama ao alcalde «que concrete cómo se vai resolver un problema de enorme relevancia que o propio goberno creou». O portavoz nacionalista opina que o PP axudase a Gonzalo Pérez Jácome a saír do problema apoiándolle nuns novos orzamentos. «A responsabilidade desta chapuza monumental é do actual goberno, pero non estariamos aquí se non houbera responsabilidade compartida entre os socios PP-DO, que, a pesares de avisalos reiteradamente, fixeron caso omiso ás recomendacións dos técnicos, dos grupos politicos, e dos sindicatos e decidiron aprobar o orzamento en 2020» engadiu Seara.