Profesionais do sector madeireiro axudarán aos escolares que preparan proxectos para Galiciencia

La Voz

OURENSE CIDADE

Imagen de una edición anterior de la feria científica
Imaxe dunha edición anterior da feira científica Tecnópole

ElCentro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) e a empresa Madeira+ súmanse á maior feira científica de Galicia

19 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa queda menos para que unha nova edición de Galiciencia abra de novo as súas portas no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), situado no Polígono de SanCibrao . A cita, que se celebrará do 8 ao 10 de maio, será a edición número de 19 e este ano dedicarase a unha materia prima básica: a madeira. Sobre ese tema está virando o traballo de alumnado que se inscribiu para participar este ano e, para botarlles unha man, a empresa Madeira+ e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) poñen á súa disposición aos seus profesionais. 

Unha delas é Esther Merlo, doutora en Enxeñería de Montes, que dirixe o departamento de I+D+i na empresa Madeira+ e centra a súa actividade en predicir as propiedades tecnolóxicas da madeira sobre a árbore en pé. Merlo destaca a importancia da industria forestal madeireira en Galicia, lembrando que hai dous millóns de hectáreas de superficie forestal, o 98 % privada en mans de 700.000 familias, onde se producen preto de dez millóns de metros cúbicos de madeira ao ano, a metade de toda a produción española.

Azahara Soilán, doutora en Enxeñería de Montes e técnica do CIS-Madeira é outra das colaboradoras nesta edición de Galiciencia. Esta experta lembra o auxe que está cobrando este material para o seu uso na construción como material exclusivo ou combinado con formigón e ferro, tanto para edificios de varias alturas, como para composicións industriais modulares. A especialista, destaca ademais que hai investigacións recentes que vinculan o uso da madeira coa mellora da saúde física e mental das persoas. 

Ambas coinciden en sinalar que Galiciencia é unha magnífica oportunidade para que os mozos coñezan máis este material e este sector, aprendan por que é necesario promover as plantacións forestais para obter este produto e os recursos sostibles que poden aproveitarse a partir del. «A madeira é a materia prima por excelencia», sinalan ambas que lembran que non só se utiliza para construción ou mobiliario, sen tamén en biocombustibles ou medicamentos. Inciden en que este material renovable, reciclable e reutilizable pode substituír a moitos outros para cuxa fabricación é necesario un proceso fabril que implica elevadas emisións de gases contaminantes. «O uso de madeira, ademais de promover a restauración de bosques e paisaxes e a loita contra o cambio climático, axudan a fixar poboación», matizan. «Queda moito aínda por investigar para optimizar o uso da madeira en Galicia e, en xeral, en todo do mundo», apuntan.

Galiciencia ten como obxectivo achegar o mundo científico ás novas xeracións. Oriéntase a alumnos desde primaria a bacharelato e desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.