O Ministerio de Transportes e o ADIF non prevén rematar a liña de alta velocidade a Galicia

Xosé Carlos Fernández Díaz ENXEÑEIRO TÉCNICO DE OBRAS PÚBLICAS

OURENSE CIDADE

Obras de la entrada del AVE a Ourense por la carretera N-525
Obras da entrada do AVE a Ourense pola estrada N-525 Santi M. Amil

28 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A importancia da publicación o pasado día 16 de outubro no BOE da licitación da execución das obras da nova estación intermodal de Ourense, coñecendo que unha vez se dispoña dos trens Avril será unha estación de paso para a maioría de viaxeiros da Galicia costeira, debería limitarse ao ámbito local da cidade das Burgas.

Pero a lectura do prego de cláusulas administrativas da licitación revela que estas obras afectarán negativamente a toda a comunidade de Galicia ao explicitar, de modo inequívoco que —ademais de manterse o ancho ibérico entre Ourense e Santiago máis aló do 2030— non se acha na intención do ADIF finalizar a liña de alta velocidade de Olmedo a Santiago, senón deixala cun tramo de 7 kms de vía única mixta (triplo carril), entre Seixalbo e Ourense, constituíndo un pescozo de botella e unha vergoñenta chapuza ao tratarse dun tramo proxectado fai xa case cen anos para as locomotoras de vapor, con curvas de 350/400 metros que impiden a circulación a máis de 90 kms/hora.

O anterior pódese coñecer e comprobar, por calquera que acceda á documentación contractual, que inclúe o plano de vías da futura estación de Ourense. O ADIF prevé finalizar a estación no 2030 (73 meses de obras) e ao seu termo seguirá contando, como acceso desde a Meseta, coa vía única (habilitada no 2021 para os dous anchos) que funciona desde 1957 entre Seixalbo e Ourense. É dicir, non contempla o segundo tramo (Seixalbo a Ourense) máis próximo á cidade, con dobre vía e ancho internacional como está proxectado entre Taboadela e Ourense.

Deixar este tramo sen rematar non é unha cuestión de eventual ganancia de tempo, que non chegaría aos cinco minutos, senón que se trata da permanencia dun «tramo negro» de 7 quilómetros, nunha liña de alta velocidade definida e proxectada de 418 km., na que ademais de problemas operativos perpetúanse problemas de seguridade, tanto física (non é unha liña de alta velocidade), como de servizo: a eventual avaría dun tren ou deterioración na liña, pola que seguirán circulando trens de mercancías, ocasionaría a paralización, o corte da circulación e o illamento de Galicia durante a incidencia. Problema anunciado pola exsecretaria de Estado o pasado 16 de decembro en Ourense, polo que manter o trazado antigo constituiría unha chapuza e unha irresponsabilidade.

Como non cabe pensar que na propia empresa administradora os seus departamentos de proxectos e obras actúen descoordinadamente, o ADIF e o Ministerio de Transportes deben explicar a que obedece o intento de prescindir deste 1,5 % do novo trazado, e que razóns alegan para non cumprir a promesa efectuada por un alto cargo ministerial que anunciou a licitación das obras no segundo semestre deste ano 2023.