Un bigote moi reivindicativo e divertido protagoniza este conto infantil

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE CIDADE

Rita Doallo con su cuento,  Bigote de tres pelos
Rita Doallo co seu conto, Bigote de tres pelos Miguel Villar

A ourensá Rita Doallo fala do valor da familia no seu primeiro conto, unha historia chea de aventuras

28 mares 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A ourensá Rita Doallo é autora do conto Bigote de tres pelos, unha historia preciosa e tronchante na que, da man do avó Luis e o seu reivindicativo mostacho, profunda no valor da familia e na importancia de envellecer cheos de vida e movemento. «Principalmente quería facer un libro que fora para divertirse pero que tivera unha base bonita detrás. Saíu isto e estou moi contenta», admite. De darlle forma ás súas ideas con ilustracións coloridas encargouse Miguel Robledo e a edición é de Aira. «Ademais está escrito en galego porque eu apoio a crianza neste idioma e quería aportar recursos aos pais e nais. É algo que me interesa moito porque vexo que cada vez os cativos falan menos na nosa lingua, a pesar de que na casa lles falemos nela. A min pásame cos meus fillos», engade.

Rita estudou Traballo e Educación Social e desde o 2016 xestiona unha casa neno en Taboadela, á que chamou Parruliña. Admite que sempre lle gustou escribir. «Estaba un pouco desconectada e durante o peche da pandemia, que eu paseino embarazadísima, unha amiga pasoume uns textos meus de fai anos e recordei todo o que me gustaba escribir así que volvín», admite. De feito a historia de Bigote de tres pelos ten polo menos unha década. «Polo medio morreu o meu pai e decidín reformular o texto para que estivese vinculada á súa figura», conta. No libro, ao avó Luis acompáñalle o seu case despoboado mostacho e tamén o seu neto, Breo, unha homenaxe ao fillo maior de Rita.

A ourensá xa non vai deixar de escribir. Está a facer unha mentoría coa autora de literatura infantil e xuvenil Gracia Iglesias e en canto remate porase a presentar textos ás editoriais. Iso será a partir de verán. Agora está ilusionada coa promoción do seu primeiro conto, que pode comprarse en Espazo Nobel, en Eixo e no Sindicato do Cómic. Precisamente na primeira delas preséntao en Ourense o 15 de abril. O día 22 farao no Casino de Lalín e o 13 de maio na tenda Arrolos de Mai en Vigo. «Estou moi contenta porque con este libro saquei un pedaciño de min a fóra. Asusta pero foi unha experiencia moi chula e espero repetila», remata.