As brigadas seguen loitando para frear os incendios de Laza e O Irixo, que xa consumiron 2.780 hectáreas

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

O lume de Boborás dáse por estabilizado e os de San Xoán de Río e Carballeda de Valdeorras están controlados

13 ago 2022 . Actualizado ás 09:07 h.

Os lumes forestais declarados nesta segunda semana de agosto deixaron un rastro negro que ocupa xa preto de 3.500 hectáreas na provincia ourensá. Algúns, como o de Boborás , que chegou a pór en alerta aos veciños de varios núcleos pola proximidade dos lumes ás casas, logrou estabilizarse na pasada noite. A actualización dos datos de Medio Rural reflexa que se mantén na mesma superficie que na última estimación: 120 hectáreas queimadas.

Tamén chegan boas noticias dos focos de Carballeda de Valdeorras, San Xoán de Río e Vilariño de Conso. O primeiro, que arrincou o luns en Casaio e consumiu 440 hectáreas segue baixo control. Tamén nesa situación está un lume que se iniciou na tarde do xoves en Vilardá, e que se controlou pasadas as dúas da madrugada tras ter cuberto unha superficie de 20 hectáreas en territorio de Río. Polo que respecta ao que afectou á parroquia de Sabuguido, no parque natural do Invernadeiro, está oficialmente extinguido. A rápida actuación das brigada limitaron os danos a 0,21 hectáreas arboredos.

Seguen, con todo, activos os lumes do Irixo e Laza, que son tamén os que máis superficie queimaron nesta última vaga de incendios  na provincia de Ourense. O primeiro deles evoluciona favorablemente cara á súa estabilización, segundo Medio Rural, que estima en 680 hectáreas o terreo que foi pasto das chamas ata agora. Ata 72 brigadas implicáronse neste incendio, ademais de medio centenar de motobombas, 27 axentes e dous técnicos, catro pas e unha vintena de medios aéreos.

Tamén segue ardendo o territorio de Laza, aínda que o esforzo dos medios de extinción lograron perimetrarlo e a súa evolución tamén é favorable. En leste, que se sumou ao orixinado en Chandrexa de Queixa, calcúlase que a superficie queimada acada as 2.100 hectáreas dentro do Macizo Central ourensán.