Os soños de papel

tareixa taboada OURENSE

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

Parte da colección de Maximino Zumalave exponse en Ourense

04 jul 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

«Non son unha coleccionista. Son un museo». Peggy Guggenheim.

Parte da extraordinaria colección de máis de 2.000 gravados e obra en papel de Maximino Zumalave, pódese percorrer, gozar e admirar na sala 0 do centro cultural Marcos Valcárcel. A importante exposición, comisariada por Rosario Sarmiento, permite realizar unha relectura da Historia da arte a través dos corenta gravados e debuxos expostos. E valorar os intereses persoais, a mirada e a voz do coleccionista no difícil labor de realizar un proxecto tan ambicioso como unha colección que integra a artistas paradigmáticos de todos os tempos, desde o século XV ao XX e facelos encaixar, na súa variedade expresiva, temática e lingüística no quebracabezas sempre inacabado dun espazo expositivo. Constitúe, como sinala no eminente texto do catálogo Rosario Sarmiento, ademais dun frenético percorrido pola Historia da arte desde o Renacemento ao convulso século XX, un xesto de xenerosidade o do coleccionista, aproximando e compartindo o seu patrimonio cultural co público visitante.

A sorprendente exposición que mostra 40 obras que forman parte da extensa colección, leva por título Ou amante do papel. É un xeito de suxerir e agradecer o labor de provisión, organización, exposición e conservación de todas as obras reunidas ao longo dos anos que cun afán de coleccionismo comparable ao do rei asirio Asurbanipal coas tablillas de escritura como fixación do coñecemento, Maximino Zumalave, comparte.

De finais do XV, renacemento pleno, un extraordinario gravado ao cobre de Albert Durero, Christus am Kreuz, traslada os perfís dominados pola liña de contorno e contención dunha mística vinculada á humanización antropocéntrica do relato relixioso. O autor das Xilografías do Apocalipse que se converteu no artista máis recoñecido do renacemento alemán e que influiría poderosamente noutros creadores, estilos e xéneros ao longo da historia da arte como a pintura barroca española, a corrente Nazarena do XIX ou o Expresionismo alemán do XX, concentra, no protagonismo descarnado do Cristo crucificado e espido, o berro da humanidade e a desolación da morte que prevalece con sensación de horror vacui no Martirio dos 10.000. A temática relixiosa repítese en Cristo conducido ao Calvario de Pietro Paolo Rubens, punta seca que reproduce o relato do capítulo XXII de Lucas. Continuando o percorrido pola historia, contemplamos as extraordinarias obras de Rembrandt nas que podemos apreciar a mestría do retrato e o interese pola paisaxe, así como o uso efectista do claroscuro.

As vistas ou vedutas de Roma de Vasi e o heroísmo monumental de Piranesi, xa no XVIII, urbanismo dominado pola xeometría: Veduta dei Piazza Nabona sopra lle Rovine do circo Agonale, presentando estas características nas Carceri.

Xa avanzado o XIX, sorpréndennos as excelentes obras de Ludwig von Hofmann, paradigmático pintor vinculado ao Simbolismo e ao Art Nouveau e un delicioso debuxo de Henri de Toulouse- Lautrec, Deux femmes.

As litografías

Contemplamos unha efervescente litografía, Ilustración X de Picasso, e conmovémonos ante a dramática expresividade da guerre a través dun hipnótico retrato de Francoise Gilot, mediante o uso dunha paleta que remite ás obras posteriores á segunda guerra mundial. Monocromía presente na interesante litografía Portrait of a Woman Seated de 1960.

Pecha a colección exposta de obras deste autor o gravado Bacanal, que ilustra as influencias do noso tamén proteico artista, Xaime Quessada. A hipertrofia figurativa de Kokoschka, a súa extraordinaria expresión e intencionalidade en King Lear und Cordelia, 1963 e as ilustracións para os ballets da Ópera de París, Carmen e Giselle dun imaxinativo e tenro Chagall, gran colorista e ingenuismo naïf e surrealista en The tribo of Leví. Época de convulsións e vangardas de grandes creadores protagonistas do XX como o xenio dadaísta Wilfredo Lam tamén representado na colección con Figure Ocre, tanto como o revolucionario e impactante, aceirado estilo caligráfico de Hans Hartung, o surrealismo xenial de Salvador Dalí, o mundo da abstracción con efectos lirico-cromáticos de Friedläender. A. R. Penk, representa aos Novos salvaxes con Männlicher Akt, o equilibrio de Antoni Tápies, Dorazio e o xenio indiscutible na emoción, a eminencia e a mestría do gran creador Jorge Castillo en ouhne Titel1 e ohne Titel 6, de 1991.