Renault 4, un clásico popular de uso diario

Por Alejandro Mínguez

OURENSE CIDADE

-

José Jorge González vai polo seu terceiro R-4, que utiliza por estradas e por pistas e que lle serve como turismo ou furgoneta na Baixa Limia ourensá. «Vale para todo», asegura.

23 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O Renault 4, popularmente denominado «catro latexes» ou 4L, produciuse entre 1961 e 1992. Saíu ao mercado para competir co Citroën 2 CV. Era un modelo amplo, sinxelo e duro, de baixo custo, do que ven xa moi poucas pola rúa, a pesar de que aínda hai quen o utiliza a diario, como José Jorge González Moreira en Entrimo, Ourense. Soaba certamente a lata ao pechar as portas, que carecían de calquera luxo.

Co Renault 4 e o seu fugaz precursor, o Renault 3, a casa francesa abandona a colocación traseira dos motores e pásase á montaxe de motores e traccións dianteiras nos seus vehículos. Foi o primeiro coche de gran serie con portón traseiro. Catro cilindros en motores de gasolina refrigerados por auga e inicialmente 747 centímetros cúbicos, de baixo consumo e cun equipamento básico, foron as claves do éxito deste modelo, que ten un bo número de seguidores. Fabricouse por medio mundo, incluída a planta española de Valladolid , e houbo numerosos acabados, algúns deles como furgoneta, que foron unha auténtica revolución comercial. Saíron das cadeas de montaxe oito millóns de unidades en total, que tiveron o seu punto final, entre outras cuestións, polo custo que supuña a adaptación á normativa anticontaminación.

Foi símbolo dunha época. Protagonista de numerosas películas, algunha delas de non hai moito tempo, como a comedia de Gerardo Oliveirais de 2019 que levaba por título 4 latas. Mítico coche das patrullas rurais da Garda Civil ou dos técnicos do Servizo de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura primeiro e, posteriormente, dalgunhas consellerías de Medio Rural das comunidades autónomas, como Galicia ou Castela e León, metíanse por pistas de terra por onde non accedían os todo terreo, tal como lembran algúns dos usuarios deste modelo. Montaba a panca de cambios na parte frontal do cadro de mandos, portelos correderas e carecía de equipo de radio. Pesaba pouco máis de media tonelada, o que lle permitía triunfar nos escenarios máis difíciles, e non deixaba de ser un coche polivalente e precursor dos actuais SUV.

MELLORAS

Co paso dos máis de trinta anos que estivo en produción, a marca francesa foi incorporando unha serie de melloras na motorización, que acadou os 1.108 centímetros cúbicos nas últimas versións, e cuestións de confort, seguridade e estéticas, dentro da sinxeleza que sempre caracterizou ao modelo.

Os prezos no mercado de segunda man varían moito en función do estado, pero entre 1.500 e 6.000 euros móvense a maioría das unidades que hai na actualidade. As excepcións poden ser algo exclusivo, como o Renault 4 Iguanas pick up, como o que está en venda en Celanova (Ourense) por 12.500 euros.

Na localidade ourensá de Entrimo atópase a unidade de José Jorge González Moreira. É o terceiro R-4 que ten. Primeiro tivo un matriculado en Zaragoza, despois un con placas de Madrid e, finalmente, o actual, verde, con matrícula de Ourense, que comprou hai case 20 anos e estaba seminuevo, porque a propietaria anterior lle daba moi pouco uso. Foi matriculado en maio de 1981 e non tivo ningunha avaría de importancia en todos estes anos. Cambioulle os retrovisores exteriores —só traía un de serie— e os asentos, o resto é orixinal. Utilizárono todos en casa, a súa muller e as súas dúas fillas. Agora una das súas netas, Leire, insiste en que non o venda, xa que quere aprender ela a conducir con este inmortal vehículo. Tamén goza co coche a súa neta pequena, Naia, que se mete nela cunha amiga, Alexandra: chama a atención. José Jorge González recoñece que o modelo resulta doutro tempo, non en balde explica con humor que o seu xenro Álvaro evita no posible ter que conducir o Renault 4, pero é feliz ao volante por estradas e por pistas. Baixando os asentos traseiros «parece unha furgoneta —explica—, é un coche para todo».

Trátase dunha unidade con uso diario, aínda que non o único da casa. Percorre a comarca da Baixa Limia e tamén os case 70 quilómetros que separan a esta zona da capital provincial con certa frecuencia. O propietario ten unha segunda unidade abandonada na súa leira que ha ir utilizando para repostos. Recoñece que non sabe nin os quilómetros que ten, deu unha volta ao marcador e polo tanto deben ser «case 120.000 quilómetros». Conta como curiosidade que unha vez, estacionado coas chaves postas, un neno coouse, accionou o arranque e case queda sen coche, pero non pasou de ser un susto. Un clásico popular de uso diario que ten moito futuro aínda.

Pesaba pouco máis de media tonelada, o que lle permitía triunfar nos escenarios máis difíciles. É case o precursor dos actuais SUV