O parque de Reza de Ourense contará cunha zona deportiva de adestramento de calistenia

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Parque de calistenia en Verín
Parque de calistenia en Verín CEDIDA

Os traballos contan cun orzamento de 44.499,31 euros e suporán a remodelación integral desta zona de lecer

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O parque de Reza, na capital ourensá, contará cunha zona deportiva de adestramento de calistenia , cumprindo coa solicitude veciñal para esta zona rural. Os traballos, que xa comezaron, contan cun orzamento de 44.499,31 euros e suporán a remodelación integral desta zona de lecer do parque. Ademais, incluiranse equipos para persoas con diversidade funcional e o seu acceso aos mesmos. «Continuamos cumprindo os compromisos que adquirimos coas asociación veciñais de Ourense, pondo en valor os diferentes parques da cidade para dar un mellor servizo ás familias ourensás. O noso obxectivo é acadar un Ourense máis verde, máis sostible e máis saudable para todos», sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar. Recalcou que con esta obra se dota dun circuíto integral de actividade na zona termal para a práctica de quecemento e estiramentos, tanto ao comezo como ao final do percorrido, dando así a posibilidade dun adestramento integral.

Esta actuación é a segunda que se pon en marcha dentro do Plan de Mellora de Parques Infantís que planificou o Concello de Ourense e que supón un investimento global de 8 millóns de euros para a mellora integral de 70 parques e de diferentes zonas infantís da cidade.