A choiva cae sobre as cinzas de 7.600 hectáreas de monte

m. R. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Agostiño Iglesias

Protestas contra a Xunta, que anuncia labores de rexeneración

18 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A agardada e anunciada choiva chegou catro días despois, cando aumentaban as protestas e as chamas estaban controladas. Baixo a tormenta, un centenar de persoas pediron á Xunta, ante a súa delegación en Ourense, un cambio na política agro-forestal e unha nova composición do Consello Forestal Galego. O comunicado lido ante os manifestantes tamén esixía transparencia e rapidez no acceso á información sobre os incendios e un mando único para os equipos de extinción. «Conselleiro, dimisión» foi a consigna coreada polo grupo, ademais de «lumes nunca máis», ante unhas pancartas ensuciadas pola cinza dos montes queimados. A asociación de traballadores forestais Atrifoga tamén se situou a favor dun cambio na política forestal máis baseado na prevención.

Os equipos de extinción, despois de arduas xornadas, lograron controlar todos os lumes que seguían activos en Ourense: Montederramo (30 hectáreas), Chandrexa de Queixa (500 hectáreas), Manzaneda (850+400 hectáreas), Lobios (2.000 hectáreas), Muíños (150 hectáreas), Vilar de Barrio (700 hectáreas), Cualedro (extinguido, 1.300 hectáreas), Rairiz de Veiga (251 hectáreas), Trives (50 ha), A Mezquita (524 ha), Vilariño de Conso (817 ha), Muíños (32 ha), Cualedro (68).

Rexeneración do Xurés

Pouco antes de que arrincase a concentración, a Consellería de Medio Ambiente distribuíu un comunicado para informar da reunión mantida cos alcaldes de Lobios e Muíños, María del Carmen Yáñez e Plácido Álvarez. A conselleira acordou cos rexedores empezar a traballar de xeito inmediato no plan de rexeneración do parque do Xurés, o máis extenso de todos os galegos.