«A ti, paciente, con paciencia», diríxense as enfermeiras

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Ramón Leiro

A causa de decembro de centrouse na calidade e continuidade dos coidados ao enfermo

13 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Hoxe [por onte] non había ninguén pola rúa para sumarse porque non parou de chover». Mirian Colombo, unha das portavoces de Enfermeiras Eventuais en Loita, dicíao este xoves na concentración mensual da iniciativa #12meses12loitas, que esta vez ía dirixida en Pontevedra aos pacientes e os seus familiares. Á marxe do descontento pola súa situación laboral, as profesionais fixeron fincapé en que tamén afecta directamente ao benestar dos usuarios do sistema. No comunicado que se leu ás portas do Hospital Provincial o paciente e o familiar «con paciencia» foron o centro do discurso. «A ti que aturas que cada día no teu centro de saúde unha enfermeira diferente te faga as curas, que ves como a enfermeira da planta onde está ingresado o teu pai ten que atender a 15 persoas, ou a ti que te asombras das pequenas listas de espera mentres a túa consulta de especialista tarda máis dun ano», dixeron. As eventuais subliñaron que os enfermos, en especial nenos e maiores, necesitan establecer e manter unha relación de confianza coas persoas que os atenden, e «a dinámica actual ten pouco ou nada en conta estas necesidades». Nese sentido, afirmaron que o peche do paritorio de Verín, en Ourense, é un exemplo de «esa mala xestión», que obriga ás embarazadas desa comarca a desprazarse máis de 70 quilómetros para dar a luz.

Apertura de Medicina Interna

Por outra banda, fontes sanitarias confirmaron a apertura, este xoves pola mañá, de parte da planta de Medicina Interna 3 do Provincial, que permanecía pechada a pesar do incremento da afluencia de pacientes en Urxencias de Montecelo e a queixa dos traballadores pola falta de camas. Tras esta decisión o Chop conta con dezaseis habituaciones neste servizo.