O clúster de investigación agroalimentaria do Campus Auga comeza xa a súa actividade

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

Neste proxecto hanse involucrado nove grupos de traballo integrados por 134 investigadores

09 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha xornada aberta a todos os públicos servirá o vindeiro venres, 14 de decembro, para que o Clúster de investigación e transferencia agroalimentaria do Campus Auga, Citaca, arranque a súa actividade en Ourense. A cita ten lugar un mes despois de que se coñecese que a Xunta concedera unha axuda de case medio millón de euros para a posta en marcha desta entidade, que pretende dinamizar os estudos científicos ao redor da agricultura e a alimentación. «O clúster é o instrumento principal da área estratéxica de investigación do Campus da Auga que ten como obxectivo crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento a fin de contribuír á sostenibilidade ambiental e competitividade do sector agroalimentario», asegura Ana María Torrado, coordinadora dun proxecto, que está formado por nove grupos de investigación nos que se implicaron xa 134 investigadores. Todos estes equipos se darán a coñecer, explicando as súas liñas de traballo, na xornada do venres, que terá lugar no Politécnico.