Manuel Seoane: «Tingamos algo de medo, pero quedamos moi contentos»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

23 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Leva anos e proxectos ás costas Manuel Seoane na catedral de Ourense. Moitas responsabilidades asumidas e, nos máis dos casos, pouca repercusión de cara ao gran público. El, que non é o primeiro premio que recibirá por esta faceta do seu traballo, non é de ir a este tipo de convocatorias.

-Como decidiu presentarse ao Gran de Area?

-Sonia López, a miña compañeira do estudio, dixo que cría que nos deberiamos presentar. Ela foi a que preparou a documentación e a remitiu. A satisfacción é dobre, porque sempre pensas que un proxecto deste tipo non o van tomar en conta nun concurso de arquitectura.

-Contento daquela?

-Moito, polo recoñecemento tamén pero máis polo resultado. Tiñamos medo de que non se entendese o traballo. A cidadanía vía iso de determinada maneira, e ao mellor había xente que pensaba que se ían recuperar as figuras. Aínda que se entendeu perfectamente o traballo por parte de todo o mundo. Tiñamos medo, pero quedamos moi contentos co resultado.

-Que queda por facer?

-Moito. É un gran monumento no que sempre quedan zonas de actuación. Hai intervencións que poden ter maior repercusión -a portada norte, a capela de San Xoán- e outras que pasan desapercibidas e dan un gran traballo -como o cambio da rede eléctrica que vimos de facer-. Acondicionar a sancristía e atallar as humidades que quedan no tellado deberan ser as prioridades agora.

Seoane considera «unha sorte poder traballar na catedral»