Os bombeiros de Ourense suman cen actuacións contra velutinas

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Agostiño Iglesias

O 26 de xullo, con nove intervencións, foi o día de máis actividade no que vai de ano

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que non en todos os casos había niños, nin tampouco todos eran de velutina, os bombeiros de Ourense acumulan no que vai de ano un centenar de intervencións orixinadas por chamadas que advertían da presenza de avespas. No persoal deste colectivo profesional hai dous apicultores. Por iso, cando se dispararon as alarmas sobre esta especie invasora, o punto de partida na capital era sensiblemente mellor que noutros moitos outros lugares. Foi necesario, de todos os xeitos, ampliar a formación interna, co fin de poder ofrecer a resposta máis profesional a unha situación inesperada. Retirar os niños de avespas converteuse duns meses a esta parte nunha das rutina do día a día, por amais das alarmas por lume en cociñas, ou as aperturas de portas cando os inquilinos as esquecen. Julio e agosto están sendo os meses de maior actividade, despois de que persoal do propio parque de bombeiros, da plataforma Stop Velutina, da Universidade de Vigo e da Asociación de Apicultores de Ourense ofrecesen charlas informativas en colaboración con asociacións veciñais.

Entre O Vinteún e Barrocás

O peor día do mes, que o é ata agora de toda a tempada estival e do ano, foi o 26 de xullo. Nunha soa xornada, a estatística di que os bombeiros acudiron a nove sitios. A primeira saída, ao cruzamento da avenida de Santiago coa rúa río Camba; a última, ao número 20 de Barrocás. Entre unha e outra, á rúa Tres Fontes, a Cabeanca, ao túnel da rúa Eulogio Gómez Franqueira, á praza 1000, á rúa do Regacho, á Volvoreta e á Pablo Iglesias .

Os días 30 e 31 de xullo tamén foron de actividade constante, con trece alertas recibidas, que permitían pechar o mes con 55 anos intervencións. Nesas dúas xornada tiveron que desprazarse ata Vilar de Astrés e Mende, pero tamén en área urbana, no parque Miño, a avenida de Marín ou a rúa Ribeiriño.

Nas rúas Sáenz Díez, Reza, Xoán de Nóvoa e ata nun dos edificios do campus consolidouse un niño de avespa velutina. O mércores desta semana foron cinco as saídas co traxe de apicultor, a última delas a unha granxa en Santa Cruz de Arrabaldo. É a tempada de máxima actividade, pois, como aclaraban os relatores nas charlas veciñais, as avespas morren co inverno. Outubro marca o seu declive. As raíñas resisten. E coas primeiras calores e a primavera recuperan o seu indesexable protagonismo.

Julio e agosto

Este ano foi en xuño cando se empezou a notar a presenza destes niños e a resultar significativas na estatística as intervencións dos equipos de bombeiros da capital. Un caso o 22 de abril, outro o 15 de maio e catro no mes de xuño -os días 11, 23, 25 e 27 no colexio Manuel Sueiro, Irmáns Cudeiro, Noriega Varela e Marcelo Macías- deron pasa á maior actividade nos meses de xullo e agosto, que previsiblemente manterá cifras similares durante as próximas semanas.

Os relatores das charlas en asociacións veciñais non deixaron de insistir na conveniencia de revisar a leira antes de iniciar traballos de tipo agrícola ou de xardinería, non achegarse a menos de cinco metros cando se sospeite da existencia dun niño, non cortar a árbore se se ve na copa e, en todos os casos, comunicar co servizo de urxencias 112. E agardar.

Seis novos traxes de apicultor para protección dos profesionais deste servizo

A experiencia como apicultores e o interese de dous dos integrantes do corpo de bombeiros de Ourense axudou nos primeiros momentos. Os dous traxes que había no parque eran suficientes ante situacións moi puntuais como as que se presentaban ata fai relativamente pouco tempo. O panorama é actualmente diferente. O equipamento mellorarase con seis novos traxes de apicultor. Xa están en camiño, din nos bombeiros, que agardan dispor delas para esta fin de semana.

Mentres, desde os servizos de urxencias e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, non deixan de insistir en que toda persoa alérxica debe levar consigo en todo momento a medicación necesaria para administrarse ante unha picadura.

Protección e fuxida

Para o suposto de que se produza un ataque, o mellor é fuxir e buscar refuxio, protexer zonas sensibles como os ollos e, como detalla un folleto informativo, «teñen tendencia a picar na parte de atrás do pescozo, polo que se recomenda protexer esta zona coas mans ou roupa». Intentar eliminalas e axitar os brazos non é boa idea, pois tanto os movementos como o cheiro das avespas esmagadas atráenas. E, non menos importante, de acordo cos consellos de prevención para actuacións en traballos forestais, «ver que alguén é atacado por velutinas, non che achegues a axudalo». O aconsellable, de acordo coa mesma fonte, é chamar ao 112 e seguir as indicacións, mentres Emerxencias Galicia activa os protocolos de intervención antes accidentes consumados.