«Queremos acceder á historia, a cultura e os coñecementos»

sara p. peral / r. n. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

«Escolas Abertas» trae a Ourense a descendentes de galegos de varios países

13 jul 2018 . Actualizado ás 12:43 h.

«Escolas Abertas», programa que todos os anos convoca a Secretaría Xeral de Emigración, permite a docentes de distintas comunidades galegas do mundo adquirir técnicas e actualización dos seus coñecementos sobre confección téxtil, baile e instrumentos tradicionais. Este verán, tras unha primeira edición en Santiago, chegaron a Ourense formadores de Arxentina, Cuba, Uruguai, Venezuela, Brasil, Chile, España, Estados Unidos de América, México e Suíza. O proxecto reúne a setenta participantes dispostos a aproveitar a oportunidade de fortalecer os seus vínculos con Galicia.

Na presentación no Centro Residencial Docente da cidade, o secretario xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez Miranda, estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira. Miranda quixo dar a benvida aos participantes no lugar no que se impartirán os diferentes talleres e onde xa onte comezou o programa lectivo.

As modalidades que se imparten de forma histórica en «Escolas Abertas» son gaita, baile típico galego, percusión, canto popular e pandereita e confección do traxe tradicional de Galicia. Nesta edición aparece como novidade o curso de formación de persoal directivo das entidades de Galicia no exterior, dirixido precisamente aos coordinadores destes centros galegos. O seu obxectivo fundamental: reforzar os aspectos máis importantes á hora de asumir a xestión das comunidades galegas noutros países.

«Estades aquí para aproveitar ao máximo esta oportunidade que vos brinda Galicia. Esta, a vosa terra, invítavos a coñecela por dentro e dende dentro, a descubrir os seus segredos, a volver a ela para que a vexades cambiar, para que non vos esquezades nunca de que a tradición, lonxe de estar rifada co progreso, forma parte del. E vós sodes as mellores testemuñas desta realidade», sinalou Miranda.

Entre os setenta participantes do proxecto formativo, hai varios procedentes da Habana. Os descendentes de galegos nados en Cuba acudirán aos talleres de baile e percusión. Para a maioría deles é a primeira vez que pisan a terra dos seus antepasados.

«É unha experiencia magnífica e moi bonita, porque vimos aprender. Pero tamén nos resulta un tanto diferente, porque é noutro país», afirma Laura Mabel Artimbau Suárez. Levarán os valores da sociedade galega ata a poboación cubana. Para eles, isto é unha oportunidade moi importante para a súa evolución formativa. «O curso ofrécenos a gran posibilidade de nutrirnos de todos os coñecementos que os profesores nos poidan ensinar nestes días e de aprender por nós mesmos», asegura Reydis Delgado Conte.

A súa misión: transmitilo todo nos seus centros. «Vir directamente aquí a Galicia e aprender os bailes que nós desenvolvemos alá pero que seguramente non temos nin a metade dos coñecementos que podemos adquirir aquí», di María Paula Lugo García. Andrés Barreiro Hernández engade: «Queremos acceder á historia, a cultura e os coñecementos».

O programa, ponte entre a cultura galega que se fai aquí e que posteriormente se exporta aos países receptores, terá unha duración de quince días, desde onte ata o 24 de xullo.