«A xente intoxicábase co fume e tivo que escapar, non podíase facer nada»

OÍMBRA

A última hora do martes o lume hase reavivado en Rabal e aproxímase a Feces de Cima, en Verín

19 jul 2022 . Actualizado ás 21:43 h.

Os tres lumes que entraron en Oímbra desde Portugal e que afectaron as localidades de San Cibrao, Rabal e Videferre arrasaron 1.500 hectáreas de monte. Á primeira hora deste martes, non ameazaban a zonas habitadas. Así o confirmaba a alcaldesa, Ana Villarino, que aseguraba que foran moitos os veciños que pasaran a noite sen durmir, botando unha man para protexer os seus pobos. «Houbo moita colaboración veciñal para loitar contra o lume», aseguraba a rexedora, que advertía que as chamas chegaron a estar moi preto das vivendas polo que se viviron momentos de tensión. «Agora xa está fora da poboación e por sorte non se queimou ningunha vivenda», confirmaba durante a mañá. «Costou moito traballo que o lume non chegara ás casas», remataba a rexedora. 

Aínda que Medio Rural desactivara nun primeiro momento o nivel dous (decretado en dúas parroquias na tarde do luns pola proximidade das chamas a zonas habitadas) , ás oito da tarde volvíase a tomar esta medida preventiva en Rabal, pola proximidade do lume ao núcleo de Feces de Cima, no veciño concello de Verín.

«Os veciños víronse agobiados con tanto fume, foi moita xente ata alí para botar unha man», contaba Modesto Martínez, propietario dun bar en Oímbra, a dous quilómetros do núcleo de San Cibrao, que asegura que todos no concello viviron horas de moita angustia e impotencia. «Foi un gran susto», admitía o veciño, que destacaba o perigoso vento, que levou o fume ás aldeas. «A xente intoxicábase co fume e tivo que escapar, non se podía facer nada. Aínda non estamos tranquilos porque hai outra parte do pobo que non ardeu e ten bosque. Se cambia o aire e ven por alí estamos perdidos», aseguraba. Explicaba que as chamas, que entraron desde Portugal, arrasaron bosques de piñeiro e carballo, e lamenta a falta de prevención. «Nas aldeas quedan catro vellos, o campo está abandonado e íso é un problema», sinalaba. «Da moita pena ver agora o monte, víase bonito e agora quedou desnudo», concluía.