A tese musical de Alberto Pombo e a última novela de Manuel Rivas gañan o Premio Losada Diéguez
O CARBALLIÑO

O xurado fallou este sábado os dous títulos do galardón dos concellos de O Carballiño e Boborás
12 abr 2025 . Actualizado á 19:22 h.A 40 edición do Premio Antón Losada Diéguez distingue a Alberto Pombo e a Manuel Rivas. O xurado anunciou este sábado aos gañadores, escollidos de xeito unánime entre as 38 obras presentadas no Concello de O Carballiño. Cada premio está dotado con 6.000 euros, ademais dunha escultura de Acisclo Manzano.
Alberto Pombo foi o gañador da modalidade de Investigación e Ensaio pola súa obra Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000), de Edicións Xerais. O xurado sinalou a contribución ao coñecemento da «outra música». O autor de Loureda recolle o necesario contrapunto ao fulgor da música tradicional, á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas a través da figura das cantareiras.
A orixe desta obra é unha documentada tese de doutoramento, que, como definiu o xurado, trae é luz a relación entre a música popular (pop, rock, punk, heavy metal, bravú, música infantil) e a literatura galega. Destacaron que Pombo combiase a abordaxe histórica coa nova metodoloxía dos estudos culturais. «Desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso», defenderon.

A última novela de Manuel Rivas, Tras do Ceo, de Edicións Xerais, foi a gañadora da modalidade de Creación Literaria. O xurado valorou a calidade literaria e lingüística dunha novela que, recuperando elementos xa clásicos na produción do autor, constrúe un universo narrativo absolutamente actual. A obra pon o foco no choque entre a natureza e unha civilización que se revela como destrutora do hábitat que nos fai seres humanos.
Alegaron para darlle a distinción que o escritor «manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa» creada a partir de diversas situacións de desigualdade e explotación, violencia e destrución para inducir á reflexión e a profundizar en emocións e sentimentos dificilmente expresables.