O Carballiño asume desde esta semana a titularidade de varios tramos de tres estradas

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

Casa consistorial de O Carballiño
Casa consistorial do Carballiño C.A.

O Concello asume, entre outras responsabilidades, a súa conservación e mantemento

10 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto do cambio de titularidade a favor do Concello do Carballiño de distintos tramos en tres estradas autonómicas ao seu paso polo municipio.

En concreto, trátase da OU-172, de 780 metros, que discorre entre a N-541 e o quilómetro 27 da OU-902; e dous tramos antigos da OU-902, denominados OU-171 e OU-173, en Esgueva e A Veiga. A Xunta mantén a titularidade dos nós de conexión da OU-172 e dos tramos antigos da estrada OU-171 e OU-173 coa estrada OU-902. Estes nós non teñen a consideración de estradas, xa que non aparecen recollidos no catálogo da rede autonómica de Galicia, senón que se definen como elementos funcionais.

Coa publicación do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello do Carballiño terá a competencia para actuar nestes tramos desde este martes e asume, entre outras responsabilidades, a súa conservación e mantemento. Foi o propio concello carballiñés o que solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas ser o propietario destas vías.