Unha década de crecemento da patinaxe no Carballiño

O Carballiño

Varios grupos del Club Aehde O Carballiño en la pista del IES Número 1
Varios grupos do Club Aehde O Carballiño na pista do IES Número 1 Miguel Villar

O Club Aehde recibirá o Premio Arenteira ao seu labor deportivo

01 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Dez anos pasaron desde que un grupo de integrantes da Anpa dun colexio público do Carballiño converteron a actividade extraescolar das súas fillas nunha asociación e nun club que dimensionou máis aló do previsto a práctica da patinaxe. As nais daquelas alumnas contaron co apoio dunha nova adestradora de Chantada, Virginia López e, dous anos máis tarde, sentáronse as bases da entidade cunha directiva presidida por Uxío Álvarez, que mantén á maioría dos seus integrantes ao seu lado.

O crecemento de Club Aehde e a súa escola de patinaxe levou a un bo número de practicantes a contactar con distintas modalidades. O seu secretario Xosé Ramón Castro destacaba: «Tivemos un par de achaques polo camiño, un deles a pandemia. Comezamos no IES con pouco máis de 20 rapazas. Hoxe xon 88 federadas, con traballo en cinco pavillóns. O premio Arenteira é un recoñecemento a anos de traballo nesta pequena Galia que parecía condenada ao fracaso». Xunto a unha directora deportiva do prestixio da medallista mundial Nerea Estévez, traballan mozas formadoras como Nieves González e Sandra Fumega, que empezaron como patinadoras ao comezo do club. A primeira explica: «Sigo patinando no grupo show, pero estudei Educación Infantil e gústame o de adestrar». A segunda destaca: «Tamén facemos iniciación en Forcarei e Lalín, cada vez achégase máis xente ao noso deporte».