A Hidrográfica adxudica a obra da avenida de Ourense no Carballiño

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

Avenida de Ourense en O Carballiño
Avenida de Ourense no Carballiño MIGUEL VILLAR

A empresa Proyecon Galicia realizará os traballos que custarán 1,3 millóns

09 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, asinou o contrato coa empresa Proyecon Galicia, S.A., por importe de 1.346.000 euros, para a execución das obras de renovación de canalizacións e acondicionamento da avenida de Ourense no Carballiño . O prazo de execución estímase en seis meses e o investimento suporá un importan total de 1.370.000 euros, incluída a redacción de proxecto e a asistencia técnica de seguridade e saúde. As obras serán cofinanciadas, nun 80 % pola administración do Estado, a través da CHMS, e nun 20 % polo Concello do Carballiño.

No último tramo da avenida de Ourense as conducións de evacuación de augas residuais e pluviais atópanse desde hai tempo nun estado deficiente, polo que desde o Concello se solicitou a colaboración da Hidrográfica, co obxectivo de mellorar o sistema de saneamento.

As obras consistirán na execución de novas redes, así como na renovación das de abastecemento incluíndo, ademais, as reposicións do pavimento da vía, o mobiliario urbano e o axardinamento en todo o tramo que abarca uns 550 metros da rúa, entre as interseccións de con Celso Emilio Ferreiro e 25 de Xullo, onde se proxectará unha miniglorieta.

«Desde a CHMS colaboramos coas administracións locais en beneficio do medio ambiente e por un desenvolvemento máis sostible. As actuacións descritas, que comezarán ao longo deste mes de novembro, evitarán verteduras recorrentes á canle e, polo tanto, mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas asociados ao río», sinalou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.