Un traballador de oficina do Concello do Carballiño cobrou por 149 horas extras nun mes

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE

O Carballiño

Casa Consistorial de O Carballiño
Casa Consistorial do Carballiño Santi M. Amil

O alcalde, Francisco Fumega, asinou o decreto polo que cobrará 2.896 euros a maiores do seu soldo

09 novs 2023 . Actualizado ás 20:35 h.

Un funcionario do Concello do Carballiño, que realiza labores de oficina, cobrou un suplemento de preto de tres mil euros na nómina de setembro polas 149 horas extraordinarias que rexistrou durante un mes. Así se especifica no decreto asinado polo alcalde da vila, o socialista Francisco Fumega, no que aparece a relación de traballadores municipais que realizan tarefas fóra do seu horario habitual.

De ser así, o funcionario estivo no seu posto, a maiores da súa xornada laboral ordinaria, unha media de sete horas ao día (se se fai a estimación excluíndo as fins de semana do mes). Hai que ter en conta, en todo caso, que non podería superar, pola normativa, as 80 horas extras anuais.

Espazo Común do Carballiño denunciou esta situación. O partido na oposición sinala que resulta habitual que perciban importes pola realización de quendas a maiores os traballadores de servizos esenciais, como os da Policía Local ou do Grupo Municipal de Urxencias, pero que neste caso se trata de persoal de oficina. Espazo Común anuncia que dirixirán un escrito ao alcalde para demandar explicacións respecto diso deste feito «polo menos sorprendente».  

«Queremos pensar que a súa pública e coñecida vinculación co PSOE e a súa participación activa na campaña das últimas eleccións municipais non teñen nada que ver pero pediremos ver os xustificantes de ditas xornadas de traballo e o informe do responsable do servizo e do concelleiro que teñen que acompañar a esta proposta ademáis do correspondente informe do interventor municipal», conclúe a formación política de Pachi Vázquez.