O consorcio provincial contra incendios terá un orzamento de 4,3 millóns

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

MIGUEL VILLAR

O parque de bombeiros do Carballiño, que abriu este ano, é o de maior actividade dos catro consorciados

05 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O parque de bombeiros comarcal do Carballiño-O Ribeiro, o último en abrirse na provincia de Ourense, é o que ten maior actividade dos catro (Valdeorras, Verín, Limia e o mencionado) que compoñen o consorcio provincial creado no 2016. Realizou 268 intervencións este ano. Todos os parques do consorcio sumaron un total de 675 intervencións este ano, segundo explicouse onte no pleno celebrado na sala de xuntas da Deputación de Ourense. Na reunión aprobouse o orzamento do consorcio para o 2019. Será de 4.302.000 euros, unha cantidade que permitirá continuar coa liña de traballo, dixo o presidente do consorcio, Pablo Pérez, quen resaltou que este ano se logrou un salto importante na atención ás urxencias en Ourense.

Con este orzamento incrementarase a dotación de medios materiais, faranse melloras nas edificacións, ademais de investir en formación do persoal. O pleno acordou avanzar na unidade de drones, que en Galicia só ten o consorcio ourensán, e acondicionar para prácticas o parque do Carballiño.

O que foi director de Emerxencias da Xunta durante os catro últimos anos, Luis Menor participou no seu último pleno e despediuse. «Constatamos que a evolución foi moi positiva en catro anos. Ourense deu pasos moi importantes nas emerxencias. Ademais da creación do parque do Carballiño, que se amosa moi xustificada, dáselle continuidade aos GES e créanse dous novos grupos», resumiu Menor. Ourense é a provincia galega que ten máis agrupacións de Protección Civil, un total de 72.