Dous centros de emigrantes en América, premio Ourensanía

La Voz OURENSE

O Carballiño

Alberte Paz Garza|Alberte Paz

O xurado recoñece o seu traballo para promover os valores da provincia en Arxentina e Uruguai

09 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O xurado do premio Ourensanía, reunido onte no mosteiro de San Pedro de Rocas, decidiu que este ano o galardón sexa para o Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires (Arxentina) e o Centro Ourensán de Montevideo (Uruguai). Foron merecedores da distinción, creada para recoñecer a entidades ou persoas ourensás que teñan destacado por distintas circunstancias, debido ao traballo realizado para «promover a ourensanía na colectividade galega de ambos países», di o xurado, que engade que «a ourensanía non só está presente na provincia de Ourense, senón que chega de todas as partes do mundo onde hai un ourensán». A entrega do premio terá lugar o próximo día 11 de novembro, san Martiño, no Teatro Principal.