Medio Rural tramitou máis de 140 expedientes de axudas polos incendios en Valdeorras
O BARCO DE VALDEORRAS

O lume afectou ao 2% das hectáreas rexistradas na denominación de orixe
17 sep 2025 . Actualizado á 20:34 h.A Consellería do Medio Rural atendeu a máis de 750 persoas e tramitou 143 expedientes de axudas para os afectados polos incendios forestais do pasado mes de agosto na comarca de Valdeorras. Anunciouno o seu responsable, María José Gómez, durante a súa visita á oficina agraria móbil instalada xunto ao pavillón de Vilamartín de Valdeorras. Nese punto tramitáronse unha trintena de solicitudes.
No caso das explotacións agrícolas e gandeiras, as achegas contemplan tanto a reparación de bienes, maquinaria, equipamento ou medios de produción como a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas sobreviventes. Tamén inclúen indemnizacións por perdas de produción. En canto ás forestais, están previstas axudas para reparar infraestruturas danadas, substituír maquinaria e equipamento, cubrir a perda de madeira almacenada afectada polo lume, así como para a curta, recolleita e astillado de madeira non comercial ou a reposición de plantacións.
En total, son oito as liñas de apoio dispoñibles cunha cobertura do 100% do investimento. «Búscase lograr que Galicia se recupere o máis axiña posible dos danos dos incendios deste verán», apuntou a conselleira.
Na súa visita a Valdeorras, Gómez desprazouse ás instalacións da adega Santa Marta, en Córgomo, afectada polos incendios. Ata alí desprazáronse o presidente do organismo vitícola, Marcos Prada; e o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro. A conselleira lembrou que dentro da liña específica por perdas de produción inclúese unha partida para o viño, fixada en 12.700 euros por hectárea. No caso do D.Ou. Valdeorras, víronse afectadas o 2% das hectáreas rexistradas, segundo datos oficiais do consello regulador.
Recoñecemento ao persoal de extinción
Despois, Gómez trasladouse ao Barco. Acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o distrito forestal XIII Valdeorras-Trives. Alí reiterou o seu agradecemento aos profesionais que combateron os incendios do verán e destacou o seu «inxente traballo», tanto sobre o terreo como nos centros de coordinación.
O percorrido da conselleira pola provincia de Ourense continuou en Vilariño de Conso, onde visitou a granxa dun veciño afectado polos incendios. Despois estivo na Gudiña con varias persoas cuxas propiedades sufriron danos por causa do lume.