A circunvalación do Barco estará rematada no 2024, dous anos máis tarde do previsto

María Cobas Vázquez
maría cobas O Barco / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

El túnel de O Serro ya está en construcción por el lado sur, desde Éntoma en O Barco.
O túnel do Serro xa está en construción polo lado sur, desde Éntoma no Barco. LOLITA VÁZQUEZ

A obra estivo durante meses paralizada despois de que as empresas adxudicatarias reclamasen cambios no proxecto

03 mares 2023 . Actualizado ás 10:13 h.

A estrada que conectará a N-536 e a N-120 evitando o centro urbano do Barco de Valdeorras estará rematada o próximo ano. É o novo prazo posto sobre a mesa polo Goberno despois das demoras acumuladas na obra. Na colocación da primeira pedra, alá polo 2019, o entón delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apuntaba outono do 2022 para acabar os traballos previstos. Pasada a data, aínda lle falta un longo percorrido para estar concluída. Investíronse, segundo os datos do Ministerio de Transportes, sete millóns dos 62,8 nos que está orzado o novo viario, tamén chamada estrada da lousa ou circunvalación do Barco, porque o seu principal labor é evitar que os camións cargados de pedra natural procedentes de Carballeda atravesen o centro urbano barquense.

A demora veu provocada polos cambios que as empresas adxudicatarias (unha unión temporal formada por Acoval, Petrolam e Vías e Construcións) pedise cambios no proxecto apelando, entre outros puntos, á inestabilidade da ladeira do Serro, na que está previsto un túnel de 490 metros. De feito, precisamente ao comezo desa construción falou o secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, para pór sobre a mesa a nova data. Será no 2024, dixo, aínda que ao tempo se matizou a si mesmo apelando á dificultade da obra. «Todo túnel é complexo e aquí un pouco máis talvez. Temos unha xeoloxía en todo este territorio que non é das máis sinxelas», dixo. En todo caso, insistiu en que se hai novas demoras, volverá a Valdeorras para explicalas.

Flores destacou a importancia dunha obra, dixo, que busca mellorar a vida dos cidadáns e mellorar a competitividade das empresas. E todo iso será posible, engadiu, grazas ás vantaxes que terá para todos evitar o centro urbano para ir traballar ou para saír cos camións. Ademais, asegurou que será unha obra que redundará na transformación do Barco, xa que permitirá despois avanzar na humanización da travesía. É un proxecto que xa está sobre a mesa e que suporá «un cambio da cidade», en palabras do rexedor, Alfredo García.

O primeiro tramo da A-76 licitarase antes de decembro

Na súa intervención, Flores asegurou tamén que ao longo deste ano licitarase o primeiro tramo da autovía que unirá Ponferrada con Ourense. Será o de Villamartín da Abadía a Requejo (no Bierzo). Destacou a importancia de «desencallar» a A-76.