O Centro de Investigación Forestal analizará como recuperar as zonas queimadas

f. Ulloa OURNESE / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

cedida

Os técnicos están xa traballando en Valdeorras e visitarán tamén Vilariño, Chandrexa, Laza e a zona de Verín

03 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa están a traballar en Valdeorras. O obxectivo é avaliar a situación na que quedaron os chans nas distintas zonas da comarca polas que se estendeu o maior incendio do oriente ourensán. O lume, que se iniciou no municipio de Carballeda de Valdeorras e acadou localidades do Barco ou Rubiá, avanzou con notable rapidez empurrado polo vento e chegou mesmo a cruzar o río Sil. Agora é necesario saber que nivel de afectación ten o substrato en cada zona para tomar medidas destinadas a rexenerar ese chan e recuperar o seu potencial forestal. Desas actuacións dependerá, entre outras cousas, que as choivas que poidan chegar no outono non leven por diante a terra que agora non ten o sustento da vexetación.

Dese traballo falou o conselleiro de Medio Rural, José González nas entrevistas que mantivo tamén este martes pola mañá cos alcaldes de Oímbra , Verín, Vilardevós e Monterrei, onde tres lumes calcinaron 3.389 hectáreas. Pola tarde fixo o propio cos rexedores de Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa e Laza aos que acadou o incendio iniciado en Pradoalbar que queimou sete mil hectáreas e entrou no parque natural do Invernadeiro. José González, que acudiu acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou aos alcaldes os indicios que estaban atopando os técnicos de que moitos dos incendios que se están producindo son provocados. E aínda que aclarou que non era o caso do de Vilariño de Conso, que estaría orixinado polo sistema conectivo que provocou a caída de máis de seis mil raios en catro horas, si hai pistas que apuntan a esa intencionalidade noutros.

No caso da provincia de Ourense lembrou que en Maside chegaron a rexistrarse tres focos con apenas 30 minutos de diferenza e o mesmo ocorreu o pasado domingo en Boborás , con dous lumes que arrincaron de forma simultánea. O feito de que moitos se orixinen xusto cando empeza a anoitecer, o que impide a intervención dos medios aéreos, é outro indicio de intencionalidade. González apelou á colaboración cidadá e lembrou iniciativas da Xunta para recuperar a terra agraria con iniciativas como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.