A Xunta financia melloras na residencia de maiores Muíños con 45.000 euros

LA VOZ OURENSE

MUÍÑOS

CEDIDA

Os traballos incluirán a renovación da carpintería ou a pintura

14 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A Xunta de Galicia achegará 45.000 euros á residencia municipal de maiores de Muíños para diferentes melloras. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, garantiu o apoio económico ao centro tras reunirse co tenente de alcalde, Israel León, e a concelleira de Servizos Sociais, Montserrat González. 

Os traballos inclúen a renovación das carpinterías interior e exterior, o revestimento da fachada, a pintura, a substitución do firme e a urbanización exterior. Este novo convenio será o terceiro nos últimos anos da Consellería co Concello de Muíños para reformas na residencia. Os dous anteriores suman un importe de 265.000 euros e permitiron a ampliación das instalacións así como a mellora da súa accesibilidade e equipamento. Ademais, a Xunta tamén colaborará no desenvolvemento de programas de envellecemento activo e saudable.