O complexo de Monterrei terá unha pista para BTT e deportes urbanos

La Voz OURENSE / LA VOZ

MONTERREI

Santi M. Amil

A zona deportiva será nova e farase primeiro que o parque acuático

11 ene 2020 . Actualizado ás 16:09 h.

Dúas áreas, unha deportiva e outra acuática, independentes e diferenciadas. Sobre estas dúas partes articularase o proxecto de reforma do complexo deportivo de Monterrei no que se investirán un total duns dez millóns de euros, achegados ao 50 % pola Xunta e pola Deputación.

A zona deportiva, cuxo proxecto presentaron onte as autoridades, será un espazo novo, cunha pista polideportiva ao aire libre, unha pista de tenis cuberta, con céspede artificial, e outra descuberta, dúas canchas de pádel con teito e outras dúas abertas e outra instalación nova, un circuíto ou pista de pump track indoor, un espazo pensado para practicar en interior con bicicletas de BTT ou para deportes urbanos como o skate. É unha instalación similar á que xa financiou a Secretaría Xeral para o Deporte en Maceda, segundo informou a Xunta. Tamén se cubrirá totalmente a bancada da pista de atletismo.

Decidiuse apostar por este circuíto polo «potencial para a formación técnica de nenos e nenas, así como a excepcional marcha do ciclismo galego, nomeadamente do ciclocrós que conta con nomes de grandes deportistas como os de Pablo Rodríguez», destaca a Secretaría Xeral para o Deporte. As obras destas área deportiva licitaranse a finais deste mes, comezarán no primeiro trimestre de 2020 e a previsión é que estean concluídas no verán, cun investimento para esta fase de 1.022.866 euros.

O arquitecto Óscar Menor incidiu en que esta nova zona deportiva créase para manter os usos deportivos que hai nas actuais instalacións que desaparecerán cando se constrúa o parque acuático.

A parte acuática levará máis tempo, cun prazo previsto de terminación no verán de 2023, e tamén require un investimento maior. Calcúlase un orzamento de 8.809.566 euros. A redacción do proxecto para esta zona acuática sairá a concurso nos próximos meses pero, segundo a Xunta, constará de tres fases diferenciadas, unha piscina familiar, unha piscina infantil e tobogáns de adrenalina. Durante o tempo de execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións que xa se remataron, aseguran.

O criterio de actuación neste proxecto é propiciar a xeneralización da práctica deportiva e o lecer familiar, di a Administración autonómica. Tamén se pretende a desestacionalización do recinto de Pereiro de Aguiar, con instalacións usables os 365 días do ano. O futuro parque sitúase nun lugar que manterá a súa contorna natural e as súas zonas verdes. O alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, destacou a importancia que ten este complexo para o municipio e que xa foi pioneiro desde os seus inicios. O secretario xeral, José Ramón Lete, apuntou que o parte de tobogáns será un engadido que converterán nun referente nacional e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández cualificou a xornada de «día histórico».