As cepas de vide brotan un mes máis tarde que hai un ano

La Voz OURENSE / LA VOZ

MONTERREI

LOLITA VÁZQUEZ

A perspectiva é un atraso na recollida da uva respecto do sucedido en 2017

20 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai dous anos iguais no campo. E así o demostra a realidade de xeito constante. Tras unha vendima anormalmente precoz, con adegas recollendo a uva a mediados de agosto (o día 13, en Valdeorras), todo indica que esta campaña a recolección atrasarase ata setembro e mesmo outubro en zonas que sempre van máis avanzadas no calendario como Ribeira Sacra. En xeral, nas catro denominacións de orixe da provincia agárdase que a recolección se atrase porque a brotación vén -por regra xeral- un mes máis tarde que en 2017.

«Non é algo só da vide, pasa tamén nas árbores frutais; que vén tardía a brotación, un mes máis tarde... A día de hoxe non brotou practicamente nada, salgo no val da Rúa e nalgunha zona baixa, no resto nada», explica José Luis García Pando, presidente da D.Ou. Valdeorras. Di que o normal sería que as vides estivesen xa brotadas, «pero é normal co clima que ten feito», pero remarca tamén que non supón ningún problema. Máis ben, pode ser unha vantaxe. «De momento non é ningún problema, ao revés, pode ser favorable porque se hai unha xeada a estas alturas, ou tardía, aínda as colle sen rebentar ou moi pequeniñas», polo que o impacto sería practicamente nulo.

En Monterrei, as perspectivas para a campaña son optimistas. O secretario técnico do consello regulador, Miguel López, matiza que a pesar de que aínda é unha época moi prematura para facer afirmacións sobre a vendima, «as expectativas son boas. As choivas dos últimos meses non prexudicaron á planta, todo o contrario, o terreo está nunhas condicións óptimas e non hai motivo para estar preocupado». Aseverou. As baixas temperaturas do inverno tampouco danaron aos viñedos. «O inicio da brotación da planta atrasarase un pouco con respecto a anteriores campañas e comezará de inmediato. O estado do chan é bo e nada fai sospeitar a día de hoxe que pode haber dificultades; aínda que insisto é que é moi pronto para realizar afirmacións tallantes».

En Ribeira Sacra un viticultor da ribeira chantadina de San Fiz conta que «o ano pasado, por estas mesmas datas, os brotes tiñan unha cuarta».

Esta primavera apenas ven inchados. Entre os bancales do seu viña, ben abrigada e próxima á canle do Miño, a brotación preséntase tardía e moi desigual. O enólogo Luis Buitrón visita os viñedos dunha das adegas que asesora na zona ourensá do Bibei. O atraso no ciclo vexetativo da vide tamén é patente alí, pero Buitrón o relativiza ao recorrer a unha perspectiva temporal máis ampla. «Este ano pódese considerar normal. Anormal era o que pasou nas últimas colleitas. Comezar a vendimiar a finais de setembro non debería considerarse raro en Ribeira Sacra, o que é unha animalada é facelo a mediados de agosto», sinala.

No caso da denominación de orixe O Ribeiro a situación non reviste ningún tipo de contratempo nin atraso e o ciclo anual desenvólvese segundo os parámetros habituais para estas datas. En principio, e de non producirse ningún contratempo ou episodios de climatoloxía adversos, os tratamentos e os prazos para a vendima deste ano desenvolveranse con normalidade. Desde o servizo do Control de Calidade do Consello Regulador do Ribeiro non se aprecia ningunha anomalía na campaña.

Información elaborada por Luis Díaz, Sindo Martínez, Xosé Manoel Rodríguez e María Cobas

A demora evita os danos de posibles xeadas en abril ou maio pero mete a vendima no outono

Como case toda na vida, a situación actual do viñedo ten as súas partes boas e as súas partes malas. A positiva é que cunha brotación tardía como está a suceder en Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, os viticultores non van ter que preocuparse se veñen xeadas importantes a finais de mes, como sucedeu o ano pasado (e queimou parte da colleita). A brotación tardía permitirá que os acios tomen corpo despois do período crítico das xeadas primaverais, que vai de finais de abril á primeira semana de maio.

Claro que un atraso na brotación atrasará todo o proceso produtivo, polo que tamén se atrasará a vendima. Canto máis tarde se recolle a uva, maior é o risco de que coincida coas choivas otoñales. Nesas condicións, non todas a viñas acadan un punto óptimo de madurez.

Por estas datas había acios

As xeadas que arrasaron a colleita de 2017 producíronse os días 27 e 28 de abril, cando os acios estaban moi desenvolvidos. Este ano haberá que agardar a ben entrado maio para ver un estado similar do ciclo vexetativo da vide na maioría das viñas. «Se o que está a pasar é bo ou malo, dependerá do tempo que veña a partir de agora. Para as zonas onde a uva tarda máis en madurar, pode ser un problema», afirma José María Prieto, da adega Régoa, que asegura que «levo vinte anos nesta ribeira [en Amandi] e nunca vira unha brotación tan tardía». As xemas das que deberán saír os acios despuntan con timidez nunha das ladeiras máis precoces de Ribeira Sacra.